Ortodoxa, Igrexa

Ortodoxa, Igrexa

Conxunto de Igrexas Orientais que desde o s XI se desligaron de Roma para subordinar a súa obediencia ao patriarca de Constantinopla. Baseouse no concepto doutrinal de fidelidade aos sete primeiros concilios ecuménicos anteriores á separación de Roma e organizouse arredor dos seus patriarcas ou de Igrexas sinodais, unidas doutrinal e liturxicamente, se ben cunha independencia xurídica con respecto ao patriarca ecuménico de Constantinopla. Algunhas das súas doutrinas foron a defensa da identidade cos testimonios apostólicos orixinais e do Espírito Santo como o principal guía da Igrexa, a aceptación dos sete sacramentos ou a veneración da Virxe María como nai de Deus, rexeitando o dogma católico da Inmaculada Concepción. Ao mesmo tempo, consentiron a conversión sacerdotal dos homes casados. Tras a ruptura con Roma (s XI), os escasos intentos de unión a través do Concilio II de Lyon (1274), o Concilio de Florencia (1439), e, sobre todo, desde a caída de Constantinopla baixo os turcos (1453), foise desmembrando en múltiples Igrexas independentes. Xunto ao patriarcado de Constantinopla existiron as minorías fieis a Calcedonia que permaneceron nos patriarcados de Damasco (ou Antioquía) e Alexandría, e Xerusalén, que se constituíu como patriarcado desde o Concilio de Calcedonia (451). Aínda dentro do mundo helénico, hai que mencionar a Igrexa autocéfala do Sinaí, a de Chipre, -que desde o Concilio de Éfeso se considerou independente-, e a de Grecia, autónoma desde 1833. As outras autocefalias creáronse ao longo do tempo no mundo eslavo e en Romanía. A primeira en independizarse temporalmente foi a Igrexa de Bulgaria, que obtivo o grao de patriarcado en 927; máis tarde (s XI) fixérono a de Kiev e a de Serbia, que gozou dunha autonomía temporal ao ser creado o patriarcado de Peč (1346). A unión con Roma do metropolitano de Kiev (1439) permitiu a creación dunha metrópole en Moscova (1448), que alcanzou o patriarcado propio en 1589 e chegou a someter aos patriarcados de Bulgaria e de Serbia. Despois da Primeira Guerra Mundial, este poder aumentou e impúxose sobre todas as Igrexas de Rusia. Ao constituírse os numerosos estados modernos independentes, erixíronse autocefalias con patriarcas propios en Serbia (1879), Romanía (1865) e Bulgaria (1870), e constituíronse tamén autocefalias en Albania, Finlandia, Checoslovaquia e Polonia. As discusións medievais sobre o filioque, a negación do purgatorio, ou outras desavinzas sobre usos litúrxicos, a miúdo foron consideradas como causantes da ruptura con Roma. A Igrexa Ortodoxa tivo unha certa expansión misioneira, en tanto que llo permitiron as situación políticas, por exemplo, en Asia (Igrexas autónomas de China e Xapón) ou nalgúns países da África negra. A emigración, organizada por razóns de traballo e, sobre todo, por razóns políticas no que respecta aos pobos da Europa Oriental, foi moi numerosa, especialmente cara a Alemaña, Francia, Canadá e EE UU, e levou á creación de xurisdicións propias, dependentes ou non dalgún patriarcado oriental. As diversas Igrexas Ortodoxas forman parte do Consello Ecuménico das Igrexas.

Palabras veciñas

ortodontista | ortodontólogo -ga | ortodontoloxía | Ortodoxa, Igrexa | ortodoxia | ortodoxo -xa | ortodromía