osciloscopio
(
Aparato que se emprega para observar fenómenos físicos variables co tempo e que poden ser transformados nunha magnitude eléctrica variable. O compoñente esencial dun osciloscopio é o tubo de raios catódicos, xeralmente con deflexión electrostática asociada a catro circuítos electrónicos: o amplificador vertical, o amplificador horizontal, o amplificador de sincronismo e a base de tempo; ademais, están os circuítos auxiliares para o enfoque, o control da luminosidade ou os atenuadores de entrada e tamén unha etapa alimentadora. Os amplificadores vertical e horizontal producen cadanseus desprazamentos do punto luminoso na pantalla, a base de tempo xera unha onda en forma de dentes de serra simultaneamente ao desprazamento horizontal, e no amplificador de sincronismo esta simultaneidade está asegurada. Hai osciloscopios máis perfeccionados, como os de dobre trazo e os de memoria. Os de dobre trazo permiten observar simultaneamente dúas magnitudes variables, a través dun tubo de raios catódicos de dobre feixe, ou ben a través dun único raio que proporciona un dobre trazo mediante unha conmutación electrónica. Os osciloscopios con memoria son útiles cando o tempo de visualización é demasiado curto para poder examinar os sinais, e poden ser analóxicos ou dixitais. Os analóxicos clasifícanse en biestables, de persistencia variable ou de transferencia, e os de tipo dixital gardan a información do sinal para que esta poida ser visualizada en calquera momento e durante o tempo que faga falta.