oscoumbro -bra

oscoumbro -bra

(< osco + umbro)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao oscoumbro.

  2. s m [LING]

    Grupo lingüístico itálico que comprende a lingua dos antigos umbros e a lingua osca dos samnitas, ademais doutros dialectos como o sabino, o volsco e o marso. Durante os séculos da idade republicana, os dialectos oscoumbros foron substituídos polo latín. O grupo oscoumbro caracterízase polos seguintes trazos: foneticamente, tende a restrinxir a pronuncia de ē e de ō tónicas, dá tratamento labial ás labiovelares (osco pis, umbro pisi, volsco pis, latín quis), etc; morfoloxicamente, rexistra o futuro en s (umbro fere-s-t), a desinencia -ns (osco deicans/latín dicant), etc. No léxico, recóllense algunhas palabras que non teñen concordancia co latín, senón co grego, co xermánico e coas linguas baltoeslavas. Polo que respecta á escritura, o alfabeto oscoumbro deriva do alfabeto etrusco. En osco consérvanse unhas cen inscricións, que datan dos ss III ao I a C; as máis recentes remóntanse á época da destrución de Pompeia. O seu contido, moi diverso, comprende inscricións oficiais de carácter profano ou sagrado (táboa de Bantia, táboa de Agnone, etc), fórmulas dedicatorias e de execración, lendas de moedas, etc. O umbro está representado por sete táboas de bronce, encontradas en 1444 en Gubbio, a antiga Iguavium.

Palabras veciñas

oscilospiráceo -a | osco -ca | oscoforias | oscoumbro -bra | osculación | osculador -triz | ósculo