Ostia
Antiga cidade romana situada na desembocadura do Tíber, ao lado da actual vila e estación balnearia homónimas, na provincia de Roma. Fundada, segundo a tradición literaria, por Anco Marcio, as escavacións demostraron que os restos máis antigos datan do s IV a C, época en que foi construído o castrum. Foi colonia militar e residencia do quaestor ostiensis, e tivo unha grande importancia como base de avituallamento naval. Saqueada por Mario e reconstruída por L. C. Sula no s I a C, Augusto enriqueceuna con toda clase de edificios, e baixo o mandato de Adriano e dos Antoninos converteuse en centro de residencia das familias notables. Sé episcopal destacada, foi devastada por Alarico en 408. Saqueada polos árabes nos ss VIII e IX, en 1150 deixou de ser sé episcopal e non foi reinstaurada ata 1914.