Otero Sestelo, Ernestina

Otero Sestelo, Ernestina

Profesora. En 1908 acadou o título de mestra superior na Escola Normal de Pontevedra e, posteriormente, ingresou na Escuela Superior del Magisterio de Madrid (1910-1913), onde recibiu a influencia da Institución Libre de Enseñanza, fundamentalmente de Lluís de Zulueta. En 1914 foi nomeada profesora de pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra. Coa Segunda República, puxo en marcha a reforma educativa e, ademais, dirixiu a Escola de Maxisterio e presidiu o Consello Provincial de Primeiro Ensino de Pontevedra. No tempo que ocupou este último cargo, leváronse a cabo diversas campañas para o fomento da asistencia dos nenos á escola, impulsouse a creación de centros escolares, ampliouse a educación de adultos, colaborouse coas xuntas municipais na utilización dos campos agrícolas experimentais e dos talleres artesanais e industriais, e fomentouse o estudo e investigación das características xeográficas e culturais de Galicia. Colaborou tamén activamente co Seminario de Estudos Galegos e noutras iniciativas como a Escola Rural Galega. En 1933 asinou o manifesto dos intelectuais galegos a prol do Estatuto de Autonomía. Coa Guerra Civil Española foi separada da   cátedra e dada de baixa na escala (12 de xuño de 1937). Unha vez rematada a guerra, revisouse o seu expediente e volveu ao seu cargo, se ben con “traslado forzoso e inhabilitación para cargos directivos y de confianza” (7 de decembro de 1939). Así, comezou de novo en Ourense onde permaneceu dez anos e o 1 de outubro de 1951 ocupou de novo a praza de profesora numeraria de pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra (agora chamada Escola do Maxisterio Santa Tareixa de Xesús).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Redondela

  • Deceso