Otomán, Imperio
Conxunto de territorios sobre os que exerceu a autoridade o sultán de Turquía (1299?-1924). Fundado por Osmán I, a organización do imperio foi obra de Orhan I (1326?-1359), quen dividiu o territorio en san ǧ aqs (‘bandeiras’) e obrigou aos novos súbditos a participar nas empresas de expansión. A expansión otomá tivo un novo impulso coa toma de Constantinopla por Mehmet II en 1453 e a invasión da Europa balcánica, o arrebato aos mamelucos de Siria, Exipto e as cidades santas de Arabia por Selim I (1512-1520), e, finalmente, co dominio de Iraq por Solimán I (1520-1566). Foi o tempo de máximo esplendor do imperio. No s XVIII iniciou a decadencia, motivada, sobre todo, pola incapacidade dos sultáns de gobernar un territorio tan vasto. Grazas á mediación francesa, o Tratado de Belgrado e a atinada política de Mehmet Paxá significaron un rexurdimento do imperio ata a desfeita de Mustafá III (1757-1774) ante Rusia. O enfrontamento do sultán co paxá de Exipto provocou continuas guerras, onde interviron as grandes potencias europeas. A mediados do s XIX iniciouse unha época de proclamacións de reformas legais, á vez que comezou a separación de territorios (Montenegro, 1858; a futura Romanía, 1861-1866; Exipto, 1867). Con Abdülhamit II xurdiu o movemento dos Mozos Turcos, que tivo un papel moi importante no afundimento do sultanato. Despois das Guerras Balcánicas (1912-1913), Mustafá Kemal aboliu o califato (1924) e iniciou a etapa moderna de Turquía.