Ourense, Santa María a Nai de
Igrexa situada en Ourense. O templo, orixinalmente suevo, data do s VIII. Destruído polos musulmáns (716), no seu lugar levantouse un templo románico por orde do bispo Ederonio no s XI, que se demoleu en 1722 e que foi substituído polo de estilo barroco, que realizou o bispo Siuri. Ten planta de cruz latina con bóveda nervada. A fachada ten tres corpos e está flanqueada por dúas torres-campanario. O retablo do altar maior, que está realizado en madeira non policromada, consta de dous corpos articulados por estípites e na rúa central sitúase unha imaxe barroca da Virxe que está enmarcada por un arco dourado. Dúas inscricións no muro exterior que fan referencia aos bispos Ederonio e Siuri, e as columnas con capiteis en mármore na fachada conforman os únicos restos visibles dos antigos templos.