ourivaría
(< ourive)
-
s
f
[ARTE]
Arte e oficio de traballar os metais preciosos, especialmente o ouro, que comprende case os mesmos procesos que a prataría. Durante o Calcolítico desenvolveuse no NO peninsular unha relevante ourivaría que se caracterizou pola sinxeleza técnica e a decoración con motivos xeométricos sinxelos que eran realizados con buril ou mediante repuxado. Estes modelos presentan paralelismos e semellanzas formais con outros da costa atlántica peninsular e europea. Cara ao final do período megalítico, nunha etapa que se caracteriza polos enterramentos individuais en antas de pequenas dimensións, apareceron entre os enxovais funerarios importantes pezas de ourivaría. A súa tipoloxía inclúe espirais, diademas e colares. Na Idade do Bronce déronse algunhas innovacións na ourivaría como o emprego dunha maior cantidade de metal nobre nas pezas, o que supón a súa maior valoración, e unha maior riqueza decorativa dentro dun patrón común en que dominan os motivos xeométricos. Algunhas das xoias que se atoparon neste período apareceron en contextos funerarios, e tamén se atoparon importantes conxuntos, denominados tesouros, como o de Caldas de Reis, froito posiblemente da ocultación dos bens dunha persoa ou colectivo, e tamén pezas solitarias como o casco de Leiro (Rianxo). Os principais tipos de xoias que se atoparon en Galicia neste período foron torques, colares de tiras, pulseiras de tiras, brazais, diademas, peites, conxuntos de cadeas ou espirais, doas en espiral, espirais simples, cilindros e conxuntos de vaixelas. No Bronce Final produciuse un florecemento da ourivaría e desenvolvéronse unha serie de modelos característicos como os brazais tipo Villena-Estremoz e tipo Bodonal de la Sierra, o grupo formado polos torques e brazais do grupo Azuaga-Belmez, e as cuncas de ouro. Durante a Idade do Ferro, no período castrexo, a ourivaría do NO definiuse por unha serie de elementos que permiten individualizala fronte ao resto dos conxuntos peninsulares: a súa abundancia, o emprego de ouro en grandes cantidades, o equilibrio nas influencias de orixe mediterráneo e da Europa continental, e as particularidades dalgúns tipos, como as diademas e os remates dos seus torques. Os tipos máis característicos de ourivaría castrexa foron os torques, colares articulados, diademas, arracadas, brazais, amuletos, enfeites do cabelo e lúnulas. Respecto ás técnicas, empregouse o repuxado, a filigrana, o estampado e o granulado. A decoración destes obxectos presenta motivos xeométricos similares aos que se atopan na escultura ou na cerámica, e aparecen de xeito esporádico figuras esquemáticas de animais e humanos. Das pezas que se atoparon destacan os torques de Burela, Santa Tegra e Viladonga. Das arracadas sobresaen as de Recouso, Vilar de Santos, O Irixo, Burela e Baroña, e das pezas feitas os catro capacetes que se atoparon en Caldelas de Tui, Lanhoso e Castelo de Neiva, datados no s I a C. A romanización do territorio orixinou a desaparición da rica ourivaría castrexa ao tempo que se incorporaron novas pezas á tipoloxía da ourivaría local, como os aneis realizados en ferro, pasta vítrea, acibeche, ambar ou pedras preciosas. Atopáronse mostras significativas en Lugo e Viladonga.
Sinónimos: ourivería. -
s
f
Conxunto de obras que realiza o ourive.
Sinónimos: ourivería. -
s
f
Local onde se venden ou fabrican estes obxectos.
Sinónimos: ourivería.