Ouro
Ouro
Río da vertente cantábrica que nace a 700 m de altitude na ladeira L do monte O Cadramón, na vertente oriental da serra do Xistral, situado na parroquia do Cadramón (O Valadouro). Ao longo dos seus 30 km de percorrido, forma o límite natural entre os concellos do Valadouro e Alfoz, atravesa o de Foz, e recibe as augas do río Beloi e do Ferreira, ata a súa desembocadura na ría de Fazouro (Foz), entre a praia do Sarrido e punta Fazouro. Forma parte da Rede Natura 2000 desde 2001. Da súa flora destacan os bosques aluviais de amieiros e freixos. En canto á fauna, destacan os salmóns, as londras comúns, as lampreas, os gabiáns, os ouriolos e os ferreiriños rabilongos.