Ozores

Ozores

Familia vinculada ao mundo cinematográfico e teatral. Comezou a tradición familiar no ámbito artístico con Mariano Ozores Francés (17.10. 1890-?), actor cinematográfico, que participou en películas como El bailarín y el trabajador (1936) ou Manolo, guardia urbano (1956). O seu fillo, José Luis Ozores Puchol (Madrid 18.6.1923 - 10.5.1968), foi actor cinematográfico. Debutou en teatro, pero pasou ao cine, onde interpretou papeis cómicos de home rústico e bondadoso en películas como Los ladrones somos gente honrada (1956) ou Recluta con niño (1956). Atacado de parálise, participou aínda en programas de televisión e obras teatrais. O seu irmán, Mariano Ozores Puchol (Madrid 5.10.1926), realizador cinematográfico, dirixiu películas cómicas (La Lola nos lleva al huerto, 1984, ou No, hija, no!, 1987), e tamén ao servizo da ideoloxía franquista, como Morir en España (1965). O seu irmán, Antonio Ozores Puchol (Burjassot 24.8.1928), interpretou papeis cómicos en diversas películas, como Los bingueros (1978), El hijo del cura (1982) ou Esto es un atraco (1987), e en programas de televisión como Un, dos, tres...responda otra vez (1986-1987). A filla de José Luís, Adriana Ozores Muñoz (Madrid 21.5.1959), destacou polos seus papeis dramáticos en filmes como El pájaro de la felicidad (1993), La hora de los valientes (1998, Goya á mellor actriz de reparto 1999), Plenilunio (1999) ou Héctor (2004).