Pacheco, Xaime de Sousa Guedes
Fotógrafo. Iniciouse na fotografía co seu irmán Xosé en Ourense e formou (1899) unha pequena e breve sociedade cinematográfica con Xosé Gil, con quen realizou diversas exhibicións en Celanova, Verín, Braga, Porto e Lisboa. Asociouse en Vigo (1907) co estudo fotográfico de Cándida Otero, viúva de Filippo Prosperi. Co falecemento desta (1915), a galería Viuva de Prosperi-Pacheco pasou a ser de propiedade exclusiva de Xaime. Moitas das fotos realizadas por Filippo e Cándida foron posteriormente utilizadas por Pacheco, que continuou o catálogo de retratos e vistas da cidade que iniciara o fotógrafo italiano. Colaborador gráfico de Faro de Vigo, ABC, Blanco y Negro, Vida Gallega e, sobre todo, de El Pueblo Gallego, especializouse en retratos de estudo de xente anónima ou de persoeiros, como Carlos Maside, Ramón Cabanillas, Luís Seoane, Martínez Garrido ou A. Castelao, co que se converteu nun dos máis destacados de Vigo e de Galicia. O seu traballo, realizado cun amplo equipo de colaboradores e que quedou recompilado no Arquivo Pacheco, caracterizouse polo emprego da fotografía como memoria social, especialmente da cidade de Vigo, ao longo de tres cuartos de século. Colaborou na ilustración de obras como Catálogo de Vigo (1922) e Vigo en 1927 (1928), editadas por Xosé Cao Moure. Tras o seu falecemento, os seus fillos Alberto e Xaime continuaron co mesmo labor no estudo fotográfico.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Freixo de Espada à Cinta, Trás -
Deceso
Lugar : Montes -
Deceso
Lugar : Vigo