Pacífico, Océano
Océano situado entre América e Asia, o maior de todos, que iguala en amplitude ao Atlántico, ao Índico e ao Ártico xuntos. Está limitado ao L por América do Norte e América do Sur, ao O por Asia e Australia, e esténdese de N a S desde as rexións árticas ata as antárticas. Nel atópase a maior profundidade mariña, a fosa das Marianas, que ten preto de 11 km. Tamén está a montaña máis alta da Terra, o volcán hawaiano Mauna Kea, que se eleva abruptamente 9.450 m desde o fondo do océano. Está circundado por un arco de fosas oceánicas de gran profundidade. Así, preto de Nova Zelanda está a fosa de Toga-Kermadec, que chega ata o arquipélago de Samoa. Máis ao O está a fosa de Novas Hébridas, a consecuencia das illas do mesmo nome; ao N desta está a fosa Planet ou fosa Nova Bretaña, situada entre as illas Salomón e Nova Guinea. O arco insular e as súas fosas continúan coa fosa do Xapón, a das Kuriles e, finalmente, a das Aleutianas. Na costa O de América do Norte non existen fosas, excepto a pequena fosa Cedros, moi preto da península de California. En América Central está a fosa de Acapulco-Guatemala, e en América do Sur a de Perú-Chile. As dorsais máis importantes do Pacífico son a dorsal Pacífico-antártica, que é continuación da Índico-antártica, e a dorsal de Hawaii. Bordeando o Pacífico e as súas dorsais principais, hai numerosos volcáns activos e apagados, aos que se denomina con frecuencia Círculo de Fogo do Pacífico. Coinciden neste Círculo de Fogo os epicentros da maioría dos terremotos que se orixinan na zona, que dan lugar aos tsunamis, que son ondas baixas de gran poder destrutivo que atravesan o océano a unha gran velocidade (uns 720 km/h) e a intervalos de 15 minutos e que cando se aproxima ás praias acadan unha altura colosal. O fondo do Pacífico está recuberto de volcáns apagados con cumios arrasados, que se denominan guyots, e son aproximadamente uns 10.000. Formáronse a consecuencia das dorsais, das que se afastan progresivamente a medida que se vai expandindo o fondo oceánico. Se conseguen emerxer son arrasados pola erosión e adquiren unha forma plana, por outra banda, canto máis se afastan da dorsal a súa actividade diminúe de forma progresiva e afúndense lentamente. Está circunstancia é aproveitada polos corais para construír os seus arrecifes. Outro fenómeno destacado é a Gran Barreira Coralina, duns 2.000 km de lonxitude e 150 km de ancho, que sustenta unha da fauna e flora máis variadas do mundo mariño. As correntes que atravesan o Pacífico son cálidas, excepto as das costas de California, Chile e Perú. O S do océano está percorrido, de O a L, pola corrente fría circumpolar antártica. A idea da existencia deste océano xa fora intuída por Americo Vespuci, pero foi Vasco Núñez de Balboa quen atravesou o istmo de Darién e chegou ás marxes do océano, que denominou mar do Sur. En 1521 Fernão de Magalhães iniciou a travesía do Pacífico e chegou ás illas Marianas. Durante a primeira metade do s XVI a exploración interior do océano, favorecida pola rivalidade entre Castela e Portugal pola posesión das illas Molucas, estivo dificultada pola falta dunha ruta de poñente, que non foi descuberta ata finais de 1565 por Andrés de Urdaneta. O coñecemento desta ruta permitiu aos casteláns inaugurar o galeón de Manila, que durante máis de dous séculos foi a única liña regular que atravesou o Pacífico. Durante o s XVII os neerlandeses, despois de romper os vínculos que os unían ao rei de Castela, crearon a Compañía Holandesa das Indias Orientais (1602) e arrebatáronlles aos portugueses e aos casteláns a supremacía no océano. Pero non foi ata os ss XVIII e XIX cando se produciu un coñecemento máis completo do océano. A súa exploración estivo marcada polas viaxes do navegante británico James Cook e do francés Louis-Antoine de Bougainville. No s XIX o naturalista Charles Robert Darwin navegou no Beagle, que deu a volta ao mundo entre 1831 e 1836. A expansión europea comezou cando os colonos británicos de India se apoderaron de Pinang (1786), base do seu futuro establecemento en Malacca, e establecéronse en Novo Gales do Sur. Na segunda metade do s XIX produciuse a plena incorporación do Pacífico á política e á economía mundiais, grazas á revolución demográfica europea, á revolución dos transportes e ao descubrimento do potencial mineiro de Australia e de Extremo Oriente. A Guerra do Opio (1839-1842) favoreceu a penetración británica e francesa en China e en 1853 o comercio occidental chegou a Xapón. Reino Unido estendeu o seu imperio colonial, mentres que Francia se instalou en Nova Caledonia (1853), Indochina (a partir de 1862), Novas Hébridas e Tahití. A vitalidade económica do océano incrementouse co descubrimento de petróleo nas Indias Holandesas (1893) e da explotación do caucho, a partir de 1876, en Ceilán, nas Indias Holandesas e en Malacca, e co crecemento rápido de Xapón. O rápido impulso industrial de EE UU, o seu dominio sobre Filipinas a partir de 1898 e a inauguración do canal de Panamá en 1914 marcaron o comezo da presenza estadounidense máis alá das súas costas do Pacífico. Despois da Primeira Guerra Mundial, Alemaña perdeu as súas posesións no Pacífico e o Imperio Británico tivo a súa máxima extensión. A partir de 1945 EE UU, tras vencer a Xapón, afirmou a súa hexemonía por medio do dominio económico.