Pacto de Gomes Pais e Ramiro Pais

Pacto de Gomes Pais e Ramiro Pais
[DER/LING]

Texto notarial en galego-portugués que se descubriu en 2001 no arquivo da Torre do Tombo de Lisboa, dentro do fondo da Mitra de Braga (mazo 1, doc 26A) e datado ao redor de 1173, polo que se convertería no máis antigo texto coñecido, orixinal e datable, en galego-portugúes. Trátase dun pacto de non agresión e axuda mutua establecido entre dous nobres miñotos, Gomes Pais e Ramiro Pais, cunha validez de dous anos, e escrito en letra carolino-gótica arcaica, único exemplo coñecido deste tipo de contrato. O seu verso foi reutilizado, unha vez caducado o acordo, para dar conta dunha compravenda datada o 15 de abril de 1175, escrita en letra gótica. As circunstancias políticas que se reflicten no texto parecen apuntar a que foi redactado entre 1169 e 1173. Linguisticamente presenta unha maioría de elementos romances fronte aos latinos, tanto na morfoloxía como na sintaxe, destacando os do ámbito da morfoloxía verbal, moito menos permeable ao romance.