Padrón, Santiago de

Padrón, Santiago de

Igrexa parroquial situada en Padrón. Edificouse sobre un antigo templo románico do s XII construído polo bispo Xelmírez, e con posterioridade substituíuse por outra igrexa de estilo gótico, en tempos do bispo Lope de Mendoza, que tampouco se corresponde co edificio actual. No s XIX reedificouse en estilo neoclásico. Do templo románico consérvase unha inscrición do Evanxeo situada nun dos muros da nave, e un púlpito gótico. Ten planta única de cruz latina. Na fachada destacan catro pilastras xónicas que sosteñen o frontón. No seu interior, debaixo do altar maior, destaca o pedrón no que a lenda conta que os discípulos de Santiago ataron a barca cos restos do Apóstolo.