Padua

Padua
Nome científico: [ital: Padova]

Capital da provincia homónima, situada en Véneto, Italia (203.350 h [2001]). Situada nunha chaira, o núcleo primitivo constitúe a vía natural de comunicación entre a costa do Mar Adriático e a chaira subalpina. É un centro industrial con empresas de maquinaria, químicas (fertilizantes e fibras artificiais), téxtiles e alimentarias. Fundada polos vénetos e dominada sucesivamente por ostrogodos (493), bizantinos (541-568), lombardos (601) e francos, no s XI converteuse en arcebispado e no s XII, en comuna. Güelfa, adheriuse á Liga Lombarda (1167), pero tiña un forte núcleo xibelino que causou unha serie de loitas que fixeron que a cidade perdese a súa independencia. Así, pasou aos Este, a Ezzelino III da Romano (1237-1256) e aos Carrara (1318-1405). Venecia anexionouna en 1405 e Francia ocupouna en 1797. Dominada por Austria (1815-1866), en 1866 reintegrouse ao Reino de Italia. Do seu patrimonio cultural destacan os restos romanos, como as ruínas do anfiteatro e a ponte de San Stefano-San Lorenzo; o Battistero da catedral (s XIII), o Palazzo della Ragione (ss XIII-XIV), a igrexa de Santa Sofia (s XIII), a basílica de Sant’Antonio, que presenta unha mestura de elementos románicos, góticos e bizantinos; e a Cappella degli Scrovegni, realizada en estilo gótico cun ciclo de frescos de Giotto sobre a vida de Xesús Cristo. O xardín botánico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1997).