País do Loire

País do Loire

Rexión do O de Francia e o SL de Bretaña (32.082 km2; 3.222.061 [1999]). Comprende os departamentos de Loire Atlántico, Maine-et-Loire, Mayenne, Sarthe e Vendée. A súa capital é Nantes. Esténdese pola ladeira suroriental do macizo Armoricano, desde os outeiros de Normandie, ao N, ata Poitou, ao S, e entre as concas de París e Aquitania. Corresponde ás terras do baixo Loire, co seu afluente, o Maine. O clima está marcado pola influencia atlántica. Os cultivos son de cereais, legumes, froitas, hortalizas, forraxe e viña. Posúe gandaría bovina e porcina e cría de aves. Son portos pesqueiros Les Sables-d’Olonne, Saint-Nazaire e Île d’Yeu. Destacan as construcións navais, as primeiras de Francia, en Nantes-Saint-Nazaire, as industrias siderúrxicas e refinarías de petróleo, as industrias do automóbil, as aeronáuticas e as eléctricas.