Países Baixos, Guerra dos ou Guerra dos Oitenta Anos ou Guerra de Flandres
Conflito que enfrontou, entre 1568 e 1648 os Habsburgo hispánicos coas súas posesións no territorio coñecido historicamente como Países Baixos (Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos e Artois), cando estas se rebelaron na busca da súa independencia con respecto á monarquía hispánica. Posesión de Carlos V desde 1515, Países Baixos iniciou o enfrontamento baixo o reinado do seu fillo Filipe II. Buscaban a independencia, tanto a nivel político, como económico - pois era un dos eixes comerciais máis importantes do momento- e relixioso, xa que eran partidarios do calvinismo, fronte ao catolicismo ferreamente defendido por Filipe II. Os primeiros saqueos a cidades e conventos déronse en 1566, polo que o monarca decidiu (1588) enviar un exército comandado por Fernando Álvarez de Toledo y Pimentel. Pero nin el, nin o seu substituto Luis de Requesens Zúñiga conseguiron frear a revolta -liderada por Guillerme I de Orange-Nassau- e a súa duración tivo como consecuencia un endebedamento crónico da Coroa de Castela. Con esta situación atopáronse Xoán de Austria e Alessandro Farnese, quen recuperou para a monarquía Bruxelas e Anveres e conseguíu enormes cantidades de prata que procedían de Indias. En 1579, coa firma da Unión de Utrech, naceu Provincias Unidas, que comprometeu aos territorios do N, protestantes, na loita pola independencia total, apoiados por Inglaterra e Francia. Este recoñecemento chegou en 1598, na firma da Tregua dos Doce Anos (1609-1621). Aínda que a situación parecía resolta, cando a tregua tocaba á súa fin tanto Gaspar de Guzmán y Pimentel (futuro conde-duque de Olivares) como Mauricio I de Nassau-Orange manifestáronse interesados en volver ás armas. Deste xeito e coincidindo co comezo do reinado de Filipe IV, reiniciouse a guerra, coñecida nesta segunda fase como Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), que remataría coa Paz de Westfalia, en 1648, pola que, despois de máis de oitenta anos de loita, Provincias Unidas viu recoñecida a súa independencia de forma definitiva. O S de Países Baixos, de filiación maioritariamente católica, continuou baixo o dominio hispánico -fortalecido coa Unión de Arrás- ata 1714, cando pasou ao Sacro Imperio Romano-Xermánico.