Palatinado

Palatinado

Rexións históricas de Alemaña que antigamente se dividían en Palatinado Renano ou Baixo Palatinado (ao N de Alsacia, na beira esquerda do Rin) e Alto Palatinado (ao NL de Baviera). O seu nome deriva do título de conde palatino que deu Federico I ao seu irmán Conrado (1155). Luís I de Baviera adquiriu o Palatinado Renano (1214), e o seu neto Luís II as terras do Staufen, que se converteron no Alto Palatinado. Polo Pacto de Pavía (1329) dividiuse entre a rama dos Wittelsbach e de Baviera. Durante a Reforma, Federico III do Palatinado fixo da rexión o centro do calvinismo alemán (1546). Maximiliano I de Baviera derrotou a Federico V do Palatinado (1620), anexionou os dominios e recibiu do emperador a dignidade electoral (1623). Coa Paz de Westfalia (1648), o Baixo Palatinado pasou a Carlos Luís, fillo de Federico V, mentres que o Alto Palatinado seguiu unido a Baviera. Despois das guerras napoleónicas, determinouse un Palatinado bávaro, distinto do antigo e limitado á beira esquerda do Rin, o que, despois da Primeira Guerra Mundial, foi reducido en beneficio do Saarland (1919). O antigo Baixo Palatinado pasou a formar parte do land de Renania-Palatinado, e o Alto Palatinado, do de Baviera.

Palabras veciñas

palatalizar | palatina | palatinado | Palatinado | Palatino | 1 palatino -na | 2 palatino -na