Paleolítico
Nome que creou J. Lubbock para designar a época que se coñecía como idade da pedra tallada. É a etapa máis antiga da prehistoria e ocupa a maior parte da era cuaternaria. Os xacementos europeos foron a base de traballos importantes que permitiron efectuar tres grandes divisións no Paleolítico: o inferior, o medio e o superior. O Paleolítico, coñecido tamén como cultura dos cantos tallados, durou aproximadamente desde 3.000.000 ata 500.000 anos a C. Os seus instrumentos, obra dos australopitecos, consistían en machadas de man ou bifaces e lascas. Entre o ano 90.000 e o 35.000 a C desenvolveuse o Paleolítico Medio ou Musteriano, que presenta industrias dunha relativa uniformidade, estendidas por Europa, África e Asia, obra dos homes de Neanderthal. O Paleolítico Superior, aproximadamente entre 35.000 e 10.000 anos a C, deu paso tras unha época intermedia, ao Epipaleolítico e Mesolítico, á Revolución Neolítica. As industrias anteriores evolucionaron cara ás de follas, que perduraron nos períodos precedentes e comezou a utilizarse con profusión o óso. Os homo sapiens fossilis, autores destas industrias, estendíanse practicamente por toda a Terra. Divídese tradicionalmente en tres grandes períodos: o Auriñacense e Perigordense, o Solutriano e o Madalenense. Sobre a vida material dos homes paleolíticos, só se sabe que eran seminómades, habitaban ao aire libre, en cabanas ou en covas, e vivían dunha economía depredadora baseada na caza, na pesca e na recolleita de vexetais. Fabricaban as súas ferramentas con madeira, pedra ou óso, vestían con peles, fibras vexetais (a partir do Paleolítico Superior) ou ían practicamente nus, e utilizaban ornamentos persoais e quizais pinturas corporais. As numerosas mostras de arte mobiliaria (pinturas, gravados e esculturas sobre soportes móbiles) e parietal (pintura, gravados e relevos no interior de covas) permiten un mellor coñecemento da vida anímica do home do Paleolítico Superior. Da arte mobiliaria destacan as estatuíñas femininas de formas esaxeradas coñecidas como venus, que poden estar relacionadas con cultos de fecundidade, e numerosas figuriñas zoomorfas. A arte parietal culminou no Madalenense, momento en que aparecen as figuras máis complexas. Esta arte atópase repartida principalmente polo centro e S de Occitania (Lascaux, Les Combarelles, Les Eyzies-de-Tayac-Sireuil), a Península Ibérica (Altamira) e algúns puntos de Italia.
O Paleolítico en Galicia
O Paleolítico caracterizouse pola chegada relativamente tardía dos primeiros poboadores e, ao propio tempo, pola escaseza dos restos humanos atopados, condicionados pola acidez do chan, que descompuxo con rapidez os restos orgánicos e impediu a súa conservación. Non é posible documentar en Galicia unha ocupación humana anterior ao complexo industrial acheulense. Os útiles deste complexo, característico do Paleolítico Inferior, localízanse na superficie das áreas costeiras e nas concas dos grandes ríos. Destacan os xacementos das Gándaras de Budiño (O Porriño), Chan do Cereixo (Gondomar), Louselas (Ribadeo) e Pazos (San Cibrao das Viñas). Neste período os grupos humanos que estableceron os seus campamentos temporais en abrigos litorais e nas bacías do río Miño e os seus afluentes, como o Louro e o Arenteiro, deberon dedicarse á caza, organizados en grupos que contaban entre 25 e 50 membros e formados por varias familias. Suponse que os grupos eran relativamente igualitarios e o mando era eventual, ao tempo que existía unha división do traballo en función do xénero. A identificación de xacementos do Paleolítico Medio en Galicia, vinculada coa aparición dun novo complexo de industria lítica, o Musteriense, e unha nova especie, o Homo sapiens neanderthalensis, presentou numerosas dificultades. O conxunto que máis posibilidades ten de pertencer a este período é o da Piteira, en Toén. O comezo do Paleolítico Superior en Galicia está representado polo xacemento da Cova da Valiña (Castroverde), vinculado coa aparición do Homo sapiens neanderthalensis. A maior parte dos asentamentos do Paleolítico Superior da Galicia central coinciden temporalmente co Interestadio Tardiglaciar, período de boas condicións climáticas, e presenta estreitas similitudes cos xacementos do Magdalenense final e do Aziliense da área cantábrica. Sitúanse en abrigos na rocha nas proximidades a cursos de auga ou en áreas de boa visibilidade. Destacan o asentamento de Prado do Inferno I, na parroquia de Muras (Muras), o abrigo de Pena Grande en Santabaia (Vilalba) e o de Férvedes II en Lousada (Xermade). A súa organización, en comunidades máis ou menos nómades desenvolvían unha economía baseada na caza, na pesca e na recolección, pero cun comportamento máis selectivo que nas etapas anteriores. Algúns restos datados neste período permitiron supoñer unha preocupación polo simbolismo, que podería vincularse con crenzas de tipo relixioso. A partir do X milenio a C ata a chegada da agricultura, ao redor do óptimo climático de 4.000 a C, produciuse a introdución e desenvolvemento das industrias epipaleolíticas, con características análogas ás da cornixa cantábrica. Entre os xacementos deste período de transición destacan os de Pena Xiboi (Guitiriz), Pena do Pé (A Capela, Toques), Arnela III, Val do Inferno e Chan da Cruz, con materiais arqueolóxicos que prolongan a tradición final do Paleolítico Superior.