paleomagnetismo
(
Estudo do magnetismo terrestre natural remanente co fin de determinar a intensidade e a dirección do campo magnético terrestre no pasado xeolóxico, que se desenvolveu lentamente durante as primeiras décadas do s XX. No campo da estratigrafía (magnetoestratigrafía) trata especificamente do estudo do magnetismo fósil ou remanente das rochas para establecer nelas unidades estratigráficas e facer unha correlación a escala mundial. Tomando mostras de rochas orientadas e ben datadas xeocronoloxicamente, é posible reconstruír a migración dos polos no transcurso da historia xeolóxica. Así, demostrouse que os minerais magnéticos das correntes de lava, os primeiros en cristalizar, adquiren a orientación do campo magnético terrestre e esta permanece fixada para sempre no momento da consolidación da rocha, se a temperatura é inferior ao punto de Curie (magnetización termorremanente). Outras veces son os grandes imáns aciculares sedimentarios os que, ao depositarse nun fondo de augas tranquilas, oriéntanse de acordo co campo magnético terrestre (magnetización remanente detrítica).