Paleólogo

Paleólogo

Liñaxe nobre bizantina que, desde o s XI, proporcionou ao imperio numerosos guerreiros e homes de estado, frecuentemente aliados e emparentados coa dinastía reinante. Coñécese sobre todo a partir de Andrónico Paleólogo , doméstico da corte de Xoán III Vatatzes en Nicea, e gobernador de Tesalónica. O seu fillo, Miguel VIII Paleólogo coroouse emperador (1259), inaugurando a dinastía que reinou ata a caída do Imperio Bizantino (1453). Os Paleólogos presidiron os derradeiros anos da historia bizantina e, aínda que a actuación política de todos eles foi moi desigual, o papel cultural que tiveron acadou cotas moi elevadas. Sobreviviron á caída de Constantinopla e diversas ramas súas arraigaron noutros países, como os Paleólogos de Monferrato, que exerceron a soberanía deste marquesado de Italia.