Palermo
Capital de Sicilia e da provincia homónima, Italia (652.640 h [2001]) que está situada na costa occidental do golfo de Palermo. O núcleo antigo, creado arredor do porto, é o centro da actividade comercial e administrativa da cidade. Xunto ao porto creáronse industrias de construción naval e complementarias. Despois das ocupacións fenicia, cartaxinesa e romana (s III a C), foi tomada polos vándalos (mediados do s V), os ostrogodos (493) e o Imperio Bizantino (535), que dominou ata 831, ano en que pasou aos árabes, que foron expulsados polos normandos (1072). En 1266 foi conquistada por Carlos II de Anjou, pero a Coroa de Aragón apoderouse de Sicilia (1282) e cedeulla a Federico II de Sicilia pola Paz de Caltabellotta (1302), aínda que a recuperou en 1412. Posesión de Savoia (1713-1718) e de Austria (1718-1735), pasou ao Reino de Nápoles. Tomada por Garibaldi (1860), pertenceu ao Reino de Italia. Do seu patrimonio cultural destacan os restos cartaxineses e romanos, os edificios de época normanda, como as igrexas de San Cataldo (1161), San Giovanni degli Eremiti (1132) e a Martorana (1143), a Capella Palatina (1132-1140), e a catedral, que se comezou no s XII e con elementos de diferentes séculos.