Palestina
Designación tradicional do antigo país de Canaán ou de Israel, sobre todo a partir da revolta xudía de 132-135, en que a anterior Xudea formou parte da provincia romana de Siria. Tamén se chama Terra Santa e o seu nome relaciónase cos antigos filisteos. Está repartida entre os estados de Israel e Xordania.
Xeografía
Para o dereito internacional, Palestina é unha área de 27.000 km2situada ao O do río Xordán. Ao N queda delimitada polos últimos contrafortes do Hermón e as montañas do Hauran (1.830 m), e ao S polo deserto de Negueb. De N a S, o val do Xordán divídea en dúas partes: Cisxordania ao poñente, ata o Mediterráneo, e Transxordania ao Levante, ata o deserto de Siria. Transxordania presenta unha serie de vales en dirección L-O, ata a depresión do Xordán, mentres que Cisxordania se caracteriza pola cadea montañosa que a atravesa en dirección N-S polo centro do país. Ao NO, o macizo montañoso de Galilea (1.208 m) ten unha importante derivación que chega ata o Mediterráneo, o monte Carmelo. A depresión central, por onde baixa o Xordán, acada o nivel máis baixo da terra en relación co Mediterráneo (-394 m no Mar Morto). O litoral mediterráneo, ata a franxa de Gaza, son as rexións máis fértiles do país e de máis densidade de poboación. O deserto de Negueb comeza a retomar a vitalidade da que gozou noutros tempos grazas á fundación de cidades e vilas israelís. Á parte do Xordán (320 km), único río de Palestina, as augas recóllense en torrentes de caudal moi irregular. É un país de clima temperado mediterráneo, fértil na costa e no val do río Xordán. As chuvias son esporádicas de outubro a abril.
Goberno e política
O órgano supremo da Autoridade Nacional Palestina (ANP) é o Consello de Autonomía ou Consello Nacional Palestino (CNP), formado por 88 membros que son elixidos por sufraxio universal directo pola poboación palestina dos territorios autónomos e ocupados, e polos que residen en Xerusalén leste. Ao mesmo tempo, elíxese o presidente da ANP. En 2003 creouse o cargo de primeiro ministro que, de acordo co presidente, elixe os membros de Autoridade Executiva. O Consello non ten competencias de defensa nin de política exterior, só se refiren a cuestións civís. A Organización para a Liberación de Palestina (OLP) ten a facultade de firmar acordos e negocialos por conta do Consello en materias de índole económica, cultural e científica.
Historia
A orixe de Palestina
Os achados prehistóricos demostran que Palestina é unha das máis antigas rexións habitadas. Do Paleolítico apareceron restos do Homo neanderthalensis e tamén dun cruzamento entre este e o Homo sapiens, no monte Carmelo. Do Mesolítico destacou a cultura natufiana, do Neolítico destacaron dúas fases culturais ben definidas, unha anterior á cerámica (cidade fortificada de Xericó) e outra con cerámica (Yarmūk), e o Calcolítico caracterizouse polo fenómeno único da colección de cobres da Cova do Tesouro ao O do Mar Morto. Desde o s XV a C parte do país constituíu un feudo dos faraóns de Exipto, case ata a chegada dos pobos do mar e dos hebreos (s XIII a C). Ao apoderarse estes da maior parte do territorio e asimilarse á heteroxénea poboación do país, a historia de Palestina confundiuse desde entón coa de Israel.
A evolución da súa ocupación
Tras a caída de Samaria en mans dos asirios (721 a C) e de Xerusalén nas dos babilonios (586 a C), Israel perdeu a súa hexemonía no país. Os persas fixeron dous distritos da satrapía de Abar-nàhara (559-332), Samaria e Xudea. Durante o período helenístico (332-63), Palestina pasou a ser primeiro parte do reino dos Ptolomeos de Exipto e logo do seleúcida de Siria. Coa Revolta dos Macabeos e a formación en Xudea do goberno teocrático dos asmoneos, o estado xudeu estendeu as súas fronteiras ata Idumea, Samaria, Galilea e Transxordania; e con Herodes o Grande, xa baixo protectorado romano, limitaba ao L coa confederación coñecida como Decápolis. Á morte de Herodes, o territorio foi dividido por Augusto entre Arquelao, Herodes Antipas e Herodes Filipo, fillos de Herodes. Despois da Revolta Xudía do 66, que non foi sufocada polos romanos ata 73 coa caída de Massada, os xudeus non gozaron xa de ningunha independencia nin hexemonía política no país ata os tempos modernos. Con Constantino I comezou o período bizantino (330-650), que se caracterizou pola conversión, pola prosperidade material e pola construción de edificios sagrados. As revoltas xudías en Galilea (352), as dos samaritanos e as loitas relixiosas entre cristiáns, sobre todo a raíz do monofisismo, enturbaron a paz en Palestina na época bizantina. No s VII rematou o dominio bizantino de Terra Santa, primeiro pola invasión dos persas (611), e logo pola musulmá, coa ocupación de Xerusalén en 638 polas hostes do Califa ‘Umar I (634-644). Tanto nunha como noutra ocupación recibiron o apoio dos xudeus, sempre esperando o momento de poder reconquistar a súa patria nacional. Baixo os árabes, o país sempre formou parte da gran provincia de Siria, e foi ocupado sucesivamente polas diversas faccións musulmás. A pesar de que a capital árabe de Palestina non foi Xerusalén, senón Rām Allāh, a única cidade fundada neste país polos musulmáns (715), o Califa ‘Abd al-Malik fixo de Xerusalén un importante centro de peregrinaxe musulmán, semellante á Meca e Medina. A poboación local, cristiá e xudía, sufriu un lento pero continuo proceso de islamización. Os cruzados (1099-1291) fundaron o Reino Latino de Xerusalén (1100) e non tiveron que enfrontarse a unha reacción efectiva por parte dos árabes ata as campañas de Nūr al-Dīn e Saladino I, case corenta anos despois; e en 1291 perderon a súa derradeira fortaleza de San Xoán de Acre. Os mamelucos tiveron logo o control do país, e conservárono ata 1516, cando os otománs se apoderaron de Próximo Oriente. Durante os catro séculos que permaneceu baixo o dominio dos sultáns de Constantinopla, Palestina quedou anulada na escena internacional. De 1831 a 1840 foi administrada polo vicerrei de Exipto Muḥammad ‘Alī e polo seu fillo Ibrāhīm Paxá, que comezou un proceso de promoción da poboación. Establecéronse colonias europeas en Yafo, Haifa e Xerusalén, ao tempo que as colonias agrícolas xudías se estenderon por todo o país a partir de 1882.
O dominio británico: a partición de Palestina e a creación do Estado de Israel
A Primeira Guerra Mundial puxo fin ao réxime otomán en Palestina, que desde 1917 se someteu ao mandato dos británicos, aínda que oficialmente desde 1922. En 1917 celebrouse a Declaración de Balfour, en que o ministro inglés Balfour se comprometía a apoiar un estado xudeu en palestina. A constante inmigración xudía desde 1920, autorizada polos británicos, e a prosperidade crecente do país, espertaron nos árabes palestinos un desexo de independencia nacional. Os disturbios contra os xudeus transformáronse nunha rebelión contra os ingleses (1936), que non viron outra solución ao conflito que a partición do país (1937). Este plan fíxose efectivo en 1947, despois de ser aceptado pola ONU. Aceptada polos xudeus e rexeitada polos árabes, a partición desencadeou unha guerra civil. Miles de refuxiados árabes, aterrorizados polos masacres dos xudeus, instaláronse nas partes máis seguras do país (Gaza, Samaria, Xudea e Xericó) e de fóra (Xordania, Líbano e Exipto). O 13 de maio de 1948 os ingleses abandonaban oficialmente Palestina e un día despois, co apoio estadounidense, os sionistas proclamaban o Estado de Israel.
A reacción palestina: as Guerras Árabe-israelís
De xeito inmediato á proclamación do novo estado produciuse a reacción palestina, que, co apoio da Liga Árabe, desatou a Primeira Guerra Árabe-israelí. A guerra, que durou ata o armisticio de 1949, deu a vitoria a Israel, de xeito que se confirmou a división de Palestina en tres partes: a ocupada por Israel, a ribeira esquerda do Xordán (Cisxordania), que pasou a Xordania, e Gaza, administrada por Exipto. Mentres, os palestinos instaláronse en campos de refuxiados (Líbano, Cisxordania, Gaza e Siria) e comezaron a agruparse en organizacións (al-Fatah, 1956; OLP, 1964) destinadas a liberar a súa patria. Despois da Segunda Guerra Árabe-israelí provocada pola ocupación xudía de Exipto (1956), en 1967 Israel protagonizou a Guerra dos Seis Días, durante a que se apoderou do territorio palestino restante (Gaza e Cisxordania), así como dos Altos do Golán (Siria) e do Sinaí (Exipto). Aínda que as resolucións da ONU se manifestaron contrarias a esta nova ocupación xudía, que infrinxía o plan de reparto de 1947 en que figuraba a creación dun Estado Árabe Palestino nestes territorios, a situación non deu marcha atrás. Isto favoreceu a integración de novos membros na OLP, que se fortaleceu coa designación (1969) de Yasser Arafat como o seu presidente e co recoñecemento (1976) como membro de pleno dereito da Liga Árabe e do Movemento de Países Non-aliñados. En 1973 desatouse a Cuarta Guerra Árabe--israelí ou Guerra do Yom Kippur, cando Exipto e Siria, apoiados pola Liga Árabe, atacaron a beira oriental do canal de Suez e os Altos do Golán. Unha vez aceptado o fin de hostilidades decretado pola ONU (1974), en 1978 asináronse os Acordos de Camp David entre Israel, Exipto e EE UU. Neles, Exipto recoñeceu o estado xudeu e recuperou o Sinaí, mentres que Israel se comprometeu a dotar de autonomía a Cisxordania e Gaza.
Os desacordos sobre o proceso de autonomía: a intifada palestina
Israel continuou coa instalación de numerosos asentamentos en Cisxordania, proclamou Xerusalén como capital eterna do Estado de Israel (1980) e invadiu o S deLíbano para expulsar os guerrilleiros palestinos (1982). A consecuencia disto foi o nacemento en 1987 nos territorios ocupados dun movemento de desobediencia civil palestino coñecido como intifada. En 1988, tras a renuncia de Hussein I de Xordania aos seus dereitos sobre Gaza e Cisxordania a favor dos palestinos, o Consello Nacional Palestino proclamou en Arxel a constitución do Estado de Palestina (Autoridad Nacional palestina, ANP), con capital en Xerusalén e con Yasser Arafat como presidente. En 1993 Arafat asinou co primeiro ministro israelí Yitzhak Rabin unha declaración de principios sobre os acordos provisionais para a autonomía, en que se acordaba unha autonomía limitada para os territorios ocupados por Israel que debía iniciarse pola franxa de Gaza e a cidade de Xericó e que, despois de cinco anos, se estendeu tamén a Cisxordania. O acordo só recoñecía como asinantes ao sector da OLP, dirixido por Y. Arafat, e ao goberno israelí, pois a el opoñíanse, pola banda israelí, o Likud e os ultraortodoxos, e pola palestina, os fundamentalistas de Hamas e outros grupos radicais. Aínda que a Autoridade Nacional Palestina (ANP) tomou o control administrativo de Gaza e Xericó, e asinou (1995) con Israel o acordo provisional para a extensión da autonomía palestina a Cisxordania, as relacións entre os dous países paralizáronse a causa do asasinato do primeiro ministro israelí Y. Rabin e da política que dirixiu o seu substituto Benjamin Netanyahu. En 1996 convocáronse as primeiras eleccións para escoller os membros do CNP e da ANP, nas que a OLP e o seu grupo al-Fatah, conseguiron a maioría dos votos e o seu líder, Yasser Arafat, foi nomeado presidente. As tensións entre israelís e palestinos, non obstante, continuaron e deron lugar a unha segunda (1997) e terceira (2000) intifada.
As novas propostas de paz para o s XXI: a Folla de Ruta
A vitoria de Ariel Sharon nas eleccións israelís de 2001 non fixeron senón complicar aínda máis o proceso de paz e radicalizar a intifada. Ademais das incursións israelís en Gaza e o illamento de Arafat en Rām Allāh, desde 2002 Israel ocupou case a totalidade das zonas autónomas de Cisxordania (excepto Xericó) e iniciou a construción dun muro de formigón, cualificado pola comunidade internacional como “muro da vergoña”, sobre a antiga liña de demarcación entre Cisxordania e Israel, co que privou á primeira do 10% das súas terras, escusándose nunha suposta finalidade de defensa para Israel. O s XXI inaugurouse cunha nova proposta de paz, coñecida como Folla de Ruta. Este novo plan, apoiado por EE UU, a ONU, Rusia e a Unión Europea, establecía un proceso de paz por etapas: a primeira propoñía o cesamento da violencia palestina e a reforma das súas institucións, así como a retirada dos israelís dos territorios ocupados desde comezos da segunda intifada, mentres que a segunda prevía a creación dun estado palestino provisional de límites aínda descoñecidos. A proposta, que inicialmente tiña como obxectivo unha aplicación anterior ao 2005, suscitou reticencias do lado israelí e a súa posta en práctica interrompeuse tras a dimisión, en 2003, de Maḥmūd Abbas (Abu Mazen), un dos seus firmantes.O estado de saúde de Arafat, confinado na Muqata de Rām Allāh durante casi tres anos, agravouse en outubro de 2004. Trasladado a un hospital militar de París, faleceu o 11 de novembro de 2004. Seguindo a lei básica de Palestina, o presidente do Consello Nacional Palestino, Rahui Fatuh, asumiu a máis alta representatividade da ANP de xeito interino ata a celebración das eleccións xerais que terían que celebrarse nun prazo máximo de dous meses. Na presidencia do comité executivo da OLP, a Arafat sucedeuno Maḥmūd Abbas (Abu Mazen); na dirección de Al-Fath o novo líder é Faruk Kadumi. O goberno continuou nas mans de Ahmed Qureia (Abū Ala). Non obstante, a morte de Arafat abre un período de incertidume sobre a súa sucesión entre as distintas faccións palestinas. Nas eleccións do 9 de xaneiro de 2005 foi elixido presidente da ANP Maḥmūd Abbas (Abu Mazen). En febreiro de 2005 M. Abbas e o presidente israelí A. Sharon, acordaron en Exipto un cesamento do fogo que implica o cesamento dos enfrontamentos violentos e a retirada de Israel de Gaza ao tempo que significa o establecemento dun estado palestino ao lado de Israel. Con todo, un ataque de Hamas contra asentamentos xudeus en Gaza puxo en perigo estes acordos. A colaboración internacional para o cumprimento destes acordos deu lugar á creación dun comité de asistencia, que establecerá un plan de acción económica e asesoramento legal e lectoral. Está previsto a celebración de eleccións lexislativas o 17 de xullo de 2005.