Pampa, La
Rexión natural de Arxentina, situada no centro do país, ao N de Patagonia e ao S de Chaco (700.000 km2). Ocupa parte das provincias de Bos Aires, Mendoza, San Luis, Córdoba, Santa Fe e La Pampa. É unha inmensa chaira que vai gañando nivel de L a O e NO, con vexetación de prados e pastos. Neste gran territorio distínguense catro partes: La Pampa ondulada, a deprimida, a chaira interposta e a alta. O clima é tépedo e húmido ao L e estepario ao O. Tanto na seca como na húmida o principal recurso é a gandaría bovina. Cultívanse millo, liño e alfalfa na parte húmida, e cereais na seca. Habitada arredor de 5000 a C por tres grupos de indios: os de fala araucana procedentes do S de Chile, os de fala tehuelche e os de fala puelche-gennaken, ambos patagóns. Na zona costeira habitaban os querandís, tribos libres da influencia araucana e de cultura cazadora, e que os casteláns atoparon cando comezaron a explorar as costas de Río de La Plata. A penetración castelá foi escasa e limitouse á gandaría desde 1536, actividade que orixinou a figura do gaucho. Os gobernos arxentinos, en cambio, iniciaron a partir de 1828 unha serie de campañas militares contra os indios. A conquista desenvolveuse en tres etapas: 1828-1835, 1835-1852 e 1876-1879. A pesar da resistencia dos indios, en 1879 foi pacificada e formou unha gobernación. En 1884 dividiuse en tres provincias: Neuquén, Río Negro e La Pampa.