Panamá

Panamá

Capital de Panamá e da provincia homónima, situada ao NL da embocadura sur do canal homónimo, nunha pequena península (463.093 h [2000]). Experimentou un forte crecemento demográfico. Concentra o 75% das industrias do país e a maior parte das actividades terciarias, aínda que a súa economía depende, sobre todo, da actividade do canal. Pedro Arias Dávila fundouna en 1519 e rapidamente se converteu na base de partida das expedicións que ían a América do Sur e ao Pacífico Sur. Desde mediados do s XVI confluíron nela todas as exportacións de metais preciosos de Perú e Filipinas. A expansión panameña provocou numerosas expedicións de piratas, entre as que destacou a de Henry J. Morgan (1671), que saqueou a cidade. Reconstruída en 1673, non acadou o nivel de vida anterior por mor do uso do estreito de Magallanes. En 1903 converteuse en capital. O Panamá vello foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1997), así como o distrito histórico de Panamá (2003).