papuxa

papuxa

(< papo)

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Ave canora que pertence ao xénero Sylvia, da familia dos sílvidos. É pequena, insectívora e pode encontrarse en zonas de mato ou de vexetación baixa.

      Sinónimos: papuda.
    2. papuxa apardada [port: felosa das figueiras; cast: curruca mosquitera; ingl: garden warbler] [Sylvia borin, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 14 cm que presenta a plumaxe da zona superior parda clara, o peito de cor clara e as ás e a cola pardas. Non existe dimorfismo nesta especie. De distribución europea ampla, é estival en Galicia, desde finais de abril, onde se distribúe de forma irregular. Habita en carballeiras con denso sotobosque e en zonas de vexetación baixa.

    3. papuxa cabecinegra [port: toutinegra de cabeça preta; cast: curruca cabecinegra; ingl: sardinian warbler] [Sylvia melanocephala, Fam dos sílvidos]

      Ave de aproximadamente 13-14 cm, que ten a plumaxe da cabeza de cor negra nos machos e parda acastañada nas femias, e as partes inferiores de cor branca sucia. Presenta un anel arredor do ollo de cor vermella, patas de cor carne e a cola longa e negra. Ten unha distribución principalmente mediterránea e está presente no S e L de España. En Galicia non está totalmente estendida, pero está presente en certas zonas e cría localmente.

    4. papuxa común [port: papaa amoras; cast: curruca zarcera; ingl: whitethroat] [Sylvia communis, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 14 cm, que ten as partes superiores de cor parda, ás avermelladas, pescozo branco e as partes inferiores esbrancuxadas rosáceas. A cabeza é agrisada nos machos e parda nas femias, e teñen o anel ocular claro. Habita nos campos cubertos con vexetación baixa, en toda Europa e no NO de África. En Galicia é estival e pode observarse nalgunhas zonas xa desde finais de marzo.

    5. papuxa das amoras [port: toutinegra de barrete negro; cast: curruca capirotada; ingl: blackcap] [Sylvia atricapilla, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 14 cm, que presenta o curuto de cor negra nos machos e parda nas femias, e o resto da cabeza e as partes superiores do corpo de cor cinsenta ou olivácea. É moi común en toda a Península e tamén en Galicia, onde se distribúe homoxeneamente por todo o territorio. Vive en zonas de espesuras, arbustos e hortas.

    6. papuxa montesa [port: felosa do mato; cast: curruca rabilarga; ingl: dartford warbler] [Sylvia undata, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 13 cm, 6 deles de cola, que é de cor castaña, agrisada nas partes superiores e avermellada nas inferiores. Ten o ollo e o anel ocular de cor vermella. O macho diferénciase da femia por posuír manchas brancas na gorxa. Habita entre carrasqueiras no centro e S de Italia, no S e no O de Francia, no S de Inglaterra, en toda a Península Ibérica, Córsega, Sardeña e Sicilia. En Galicia é moi común. Cría en zonas de toxos, xestas e queirugas, e aliméntase de insectos e larvas.

    7. papuxa ollobranca [port: toutinegra real; cast: curruca mirlona; ingl: western orphean warbler] [Sylvia hortensis, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 15 cm que ten a plumaxe das partes superiores pardas, o peito e gorxa rosados nos machos e branco e amarelo nas femias, o iris branco e un curuto negro na cabeza. As patas son negras agrisadas. Na Península Ibérica é unha ave estival, pero en Galicia é moi rara de atopar, aínda que hai constancia da súa presenza no SL. Vive en espesuras con árbores e hortas.

    8. papuxa paporrubia [port: toutinegra carrasqueira; cast: curruca carrasqueña; ingl: subalpine warbler] [Sylvia cantillans, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 12 cm co anel ocular arrubiado. O macho diferénciase da femia por ter a zona inferior do corpo ocre, cunha banda branca na gorxa e a parte superior agrisada, mentres que a femia é de cor parda, a excepción da zona inferior que é abrancazada. En Galicia é estival, e pode encontrarse raramente na provincia de Ourense en zonas de monte baixo.

    9. papuxa sarda [port: toutinegra sarda; cast: curruca sarda; ingl: marmora‘s warbler] [Sylvia sarda, Fam dos sílvidos]

      Ave duns 12 cm, que ten as partes superiores de cor gris escura, o pescozo e o peito máis claros e o ventre esbrancuxado. Habita nas illas do Mediterráneo ibérico.

  2. s f

    Termo do barallete ou xerga dos afiadores que corresponde á voz ‘vulva’.

Palabras veciñas

papullo | papuloso -sa | Papus, El | papuxa | paquebote | paquetaría | 1 paquete