Parada Justel, Ramón

Parada Justel, Ramón

Pintor. Membro da Xeración Doente, formouse na escola da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1888-1893). Xunto cos debuxos e paisaxes académicos como Desnudo masculino, realizou os seus primeiros retratos, os dos seus pais, en 1891. En 1893 obtivo unha pensión da Deputación de Ourense para viaxar a Roma. Durante a súa estancia en Italia (1893-1894) a súa produción centrouse na figura humana, caracterizada polo emprego dos grandes volumes. Pintou Otra Elena pompeyana e Esclava romana de Nerón, nas que amosou a influencia da arte clásica, escenas alegóricas e paisaxes como Vista de Roma, onde se afastou da pintura académica. De regreso a España, cultivou diversos temas e técnicas como o espido, a paisaxe ou o retrato, e o óleo, a acuarela ou a augada. Destacan La mantilla, Retrato de don Manuel Feijóo e Autorretrato. Para a catedral de Ourense realizou os lenzos do altar de Santo Antonio e atribúeselle a decoración do teito do Teatro Principal de Ourense. Establecido en Madrid, continuou a preparar os certames nacionais e realizou Paisaje de los alrededores de Madrid, os bocetos para La muerte de santa Eufemia, e obras de carácter realista ou social como Un zapatero, La Urraca e Los satélites, coa que acadou en 1899 o terceiro premio na Exposición Nacional de Bellas Artes. En 1901 repetiu premio con El recuerdo de las joyas. En 1900 foi nomeado profesor da Escola de Artes e Oficios de Ourense. A súa obra evolucionou desde o academicismo cara ao modernismo e ao luminismo ata achegarse ao impresionismo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Esgos

  • Deceso

    Lugar : Ourense