pardela

pardela

(

  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave mariña peláxica, pertencente a algunhas especies dos xéneros Bulweria, Calonectris, Fulmarus e Puffinus, da familia dos proceláridos, que presenta ventas, membranas interdixitais e ás longas e estreitas.

  2. pardela cinsenta [ANIMAL/ORNIT]

    Ave mariña de 45 cm, de plumaxe cinsenta no dorso e na cola, e branca no ventre e o peteiro amarelo e ganchudo no extremo, con grandes ventas. As femias teñen o peteiro máis estreito ca os machos. A súa alimentación baséase fundamentalmente en cefalópodos, camaróns e peixes. É unha ave peláxica, e só pousa na terra para reproducirse. En Galicia é invernante; pode ser observada en paso entre xullo e novembro.

  3. pardela curricacho/sombría [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 40 cm de lonxitude, e sen dimorfismo sexual, que se caracteriza por ter a plumaxe totalmente moura en todo o seu corpo. En Galicia só pode ser vista como divagante entre xuño e outubro, xa que inverna no N de Europa e aniña en África. OBS: Tamén se denomina curricacho.

  4. pardela furabuchos [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 35 cm de lonxitude, coa plumaxe dorsal moi escura ou negra, e a ventral branca; non existe diferenza entre os sexos. A súa alimentación baséase en peixes. É peláxica e gregaria, e habita nas costas atlánticas e mediterráneas, pero son subespecies diferentes. En Galicia, a subespecie atlántica é unha invernante escasa, e a mediterránea pode observarse en paso entre maio e outubro.

  5. pardela glacial [ANIMAL/ORNIT]

    Ave mariña peláxica de 47 cm de lonxitude, que presenta dúas coloracións diferenciadas, na parte clara a plumaxe é de cor branca e na escura presenta a plumaxe do dorso algo máis cinsenta. O peteiro é de cor amarela e ganchudo co extremo da venta moi visible. Aliméntase de plancto, e tamén dos desperdicios dos barcos. En Galicia, pode verse na costa se é arrastrada polos temporais.

  6. pardela xoubeira [ANIMAL/ORNIT]

    Ave mariña de 46 cm de lonxitude, coa cabeza de cor malva, as ás e a cola de cor parda e o peteiro estreito e negro con ventas. Posúe unha banda de cor branca na cola. É peláxica, e en Galicia, está de paso, e só pode ser vista divagante cando sopran ventos fortes e se aproxima á costa.