Pardo de Andrade, Manuel
Relixioso e escritor liberal. Estudou filosofía e teoloxía en Salamanca e Roma. No seu regreso a España instalouse en Madrid, onde realizou diversos estudos literarios e científicos, ata que conseguiu a secularización en 1792. Precursor do xornalismo na Coruña, o seu primeiro proxecto de obradoiro e semanario, El Curioso Herculino, fracasou en 1797. Os seus escritos, baixo o pseudónimo de León de Parma ou Pardo de Xas, tiveron moita aceptación na prensa madrileña. Publicou diversos poemas, relatos e folletos de contido político e de carácter anónimo, dos que destacan Os rogos d’un gallego establecido en Londres dedicado aos seus paysanos para abrirlles os ollos sobre certas inorancias, e o demais que verá o curioso lector (1813), un romance ideolóxico e propagandístico en que ataca a Igrexa e o absolutismo monárquico. Foi director de Diario de La Coruña (1808), o primeiro xornal coruñés; do Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña (1809) e do Boletín patriótico (1811). Co regreso de Fernando VII decidiu exiliarse en Francia ata 1820, ano en que regresou para colaborar no Correo de la Diputación Provincial de Galicia (1820). Novamente, coa volta do absolutismo en 1823, volveu exiliarse en Francia.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Dorneda, Oleiros -
Deceso
Lugar : París