parentesco

parentesco

(< parente)

  1. [DER]
    1. s m

      ínculo existente entre parentes, por consanguinidade, afinidade ou adopción. Normalmente só se refire ao parentesco por consanguinidade. A proximidade do parentesco mídese polo número de xeracións; cada xeración forma un grao, e unha serie de graos forma a liña, que é directa cando está formada por persoas que descenden unhas doutras, e colateral cando unicamente teñen un tronco común. O parentesco é fundamental na sucesión lexítima ou intestada. O parente máis próximo exclúe da herdanza o máis afastado e os parentes do mesmo grao herdan por partes iguais.

    2. parentesco espiritual

      Ligazón que contraen polo bautismo os padriños e o afillado, e entre este e o ministro do sacramento, e pola confirmación, entre os padriños e o confirmado.

    3. parentesco político/por afinidade

      Parentesco que hai entre cada esposo e os consanguíneos do outro.

    4. parentesco uterino

      Parentesco que liga os fillos dunha mesma muller, aínda que sexan de pais diferentes.

    1. s m

      Relación entre cousas que presentan unha orixe común ou características semellantes.

    2. parentesco lingüístico [LING]

      Relación entre dúas ou máis linguas procedentes dun tronco común. Este parentesco, denominado histórico ou xenético, baséase na evolución diverxente dunha primitiva lingua matriz, evolución vertebrada nunhas leis fonéticas, nunhas regras morfosintácticas, etc, propias de cada rama. Axuda a coñecer este tronco orixinario a documentación antiga e o método comparativo, iniciado por Franz Bopp e Rasmus Kristian Rask; isto permitiu a reconstrución hipotética de formas primitivas e aplicouse especialmente ás linguas indoeuropeas: así, do sánscrito gaus, latín bos, letón guovs, etc, reconstruíuse o indoeuropeo gwows ‘vaca’. O parentesco tipolóxico (ou, máis propiamente, afinidade) dáse entre linguas que, sen vínculos xenéticos, tenden ao longo do tempo, á aproximación e á converxencia.

  2. sistema de parentesco [SOCIOL]

    Conxunto de relacións humanas que se define pola posición relativa que ocupa un individuo nun grupo humano segundo o matrimonio, a descendencia ou calquera das ligazóns derivadas destes vínculos. O parentesco outórgalle ao individuo a adscrición ao grupo e, mediante a relación que establece cos seus membros, determina os seus dereitos e as súas obrigas. A pesar de que o parentesco depende de dous fenómenos biolóxicos como son a copulación e a reprodución, as relacións de parentesco non se limitan a lexitimar estas funcións biolóxicas, senón que son asignadas aos individuos en virtude do estatuto social que resulta, moitas veces á marxe de se cumpren ou reflicten estas funcións biolóxicas ou non. Na nosa sociedade, o exemplo máis común desta non correspondencia entre a relación biolóxica e o parentesco é a adopción. Dentro do conxunto de individuos que, por consanguinidade ou alianza se relacionan entre eles, é posible seleccionar entre uns ou outros segundo diversos criterios. O resultado desta subdivisión é o sistema de parentesco propio de cada cultura. Ademais, dentro de cada sistema clasifícanse os parentes de diversas maneiras. Unha destas divisións é a que resulta da unidade composta polos dous proxenitores e a súa descendencia, denominada familia nuclear. Globalmente pódense agrupar os sistemas de parentesco en tres modalidades: o patrilineal, o matrilineal e o cognaticio ou bilineal, segundo prevaleza, respectivamente, a liña de descendencia masculina, feminina ou que ambas as dúas teñan unha importancia similar. A cualificación dos diversos sistemas de parentesco orixina as terminoloxías de parentesco das diferentes culturas. A asignación de individuos concretos a cada unha das posicións que contemplan estas terminoloxías constitúe as xenealoxías, de grande importancia en numerosas sociedades para a clasificación e identificación dos seus membros. Unha das clasificacións máis estendidas é a que resulta da distinción ou carencia de distinción entre parentes lineais e colaterais; tamén a que distingue entre primos cruzados e paralelos. A perpetuación e ampliación do grupo de parentesco con novos membros realízase mediante o matrimonio, que en todas as sociedades se enmarca nunhas regras de exogamia ou endogamia, por unha banda, e na prohibición do incesto pola outra. A partir da delimitación de grupos e categorías, o parentesco pode chegar a ter unha grande importancia en diversas esferas da vida social. Así, en pobos sen estado ou cunha autoridade política pouco centralizada, o sistema de parentesco é o alicerce sobre o que se organizan todas aquelas actividades de importancia para a continuidade dunha sociedade humana. Doutra banda, en sociedades como a occidental, o grupo de parentesco adoita ser moito máis reducido e menos definido en canto aos vínculos entre os seus membros, en gran medida opcionais. Non obstante, malia o carácter informal que presentan e que a miúdo os seus membros non recoñecen, as relacións de parentesco constitúen con frecuencia un dos mecanismos básicos de asignación e acceso aos recursos e ao poder por parte de grupos moi concretos dentro das sociedades industriais. Lewis H. Morgan, que constatou a importancia da terminoloxía e ensaiou unha interpretación dos sistemas de parentesco en termos evolutivos, foi un dos iniciadores do estudo destes tipos de vínculos. Posteriormente, xurdiron diversas correntes que poden agruparse en dúas grandes tendencias: por unha banda, a perspectiva representada polas escolas británica e estadounidense que iniciaron, entre outros, Alfred R. Radcliffe-Brown e Edward E. Evans-Pritchard, e, por outra banda, o estruturalismo, que ten o seu expoñente máis destacado en Claude Lévi-Strauss.