París
Capital de Francia e da rexión administrativa de Île-de-France, que forma un departamento independente (105 km2; 2.125.246 h [1999]; aglomeración urbana, 9.644.507 [1999]). É sede do goberno e o principal centro intelectual, artístico e económico-financeiro. Situada na confluencia dos vales do Oise, o Marne e o Sena, no centro de Île-de-France e preto de rexións como Beauce, Brie ou Valois, moitas son as causas que favoreceron a súa expansión: a dispoñibilidade dunha vía fluvial (Sena) que facilita as relacións co mar; ter un punto óptimo para a construción dun porto; a conexión desta vía fluvial con vías terrestres que acadaron importancia a raíz do crecemento urbano; a existencia dunha illa (a Cité) que, ao facilitar o paso do río, presentaba óptimas condicións para a defensa; e tamén as circunstancias históricas que promoveron xa desde os ss IX-X o ascenso de París como centro político. A configuración actual da cidade de París data de 1860, aínda que París é unha grande aglomeración nacida do núcleo que forma a cidade. Malia unha notable interpenetración de funcións, diferéncianse no espazo urbano diversos sectores. En primeiro lugar, o París histórico, centro da aglomeración, que vai desde a Bastilla a l’Étoile e de Opéra ao Observatorie. O barrio de Bourse é o núcleo financeiro, o centro dos espectáculos que se organiza arredor dos cinco barrios dos Champs-Élysses, os Grands Boulevards, o sector de Opéra na Rue de la République, o sector de Pigalle-Montmartre e tamén, na beira esquerda do Sena, o sector de Saint-Germain-des-Prés en Montparnasse. En Quartier Latin predomina a función cultural (La Sorbonne), mentres que a función administrativa se concentra no sector dos Invalides, Champs de Mars e Champs-Élysses. En segundo lugar, a área residencial do O, que vai desde l’Étoile a Bois de Boulogne, está sometida a un crecente proceso de densificación pola aparición de altos inmobles de luxo, na contorna de La Défense. En terceiro lugar, o París popular periférico, zona de grande imbricación entre vivendas e talleres e que con motivo de sucesivas remodelacións presenta unha paisaxe urbana tan incoherente coma anárquica. En último lugar, a área suburbana, a banlieue, que, cunha extensión catorce veces superior á da cidade mesma e con máis do dobre de poboación, presenta unha gran diversidade de paisaxes urbanas. Cómpre distinguir entre a banlieue do leste e a do oeste: Meudon, Sèvres, Chaville, pertencentes ao O, son de formación máis gradual e gozan dun mellor nivel medio de vida; en cambio, as áreas suburbanas da parte N e L, desde Saint-Denis por Aubervilliers e Les Lilas do sur ata Bois de Vincennes, sofren degradación urbana. A aglomeración parisiense é a primeira rexión industrial francesa. A localización industrial acentúase nos sectores de Levallois-Perret, Clichy, Saint-Ouen, Asnières, Saint-Denis, La Courneuve ou Aubervilliers. As novas áreas industriais predominan no N e no L (Aulnay-sus-Bois, Haut-Montreuil, Vélizy-Villacoublay). No centro urbano persisten as típicas industrias parisienses: xoiaría, ourivaría, mobles artísticos, alta costura, perfumaría e cosmética, material de precisión, actividades editoriais e tipográficas. Non obstante, algúns puntos da periferia concentran diversos sectores como os do automóbil no SO (Renault, Citroën) e no L, e produtos químicos e construcións mecánicas no N e no NL. A función política e administrativa potencia, por outra parte, o sector terciario. A concentración de oficinas de banca, de grandes empresas, de aseguradoras, de comerciantes por xunto dáse nos barrios de Bourse, Opéra, Madeleine, Saint-Lazare, Champs-Élysses, Marceau e Kléber. A capital amosa unha gran concentración do patrimonio e da actividade cultural francesa, malia que se ten potenciado a creación de centros culturais, facultades e bibliotecas en certos sectores da área suburbana, como Orsay, Nanterre, Villetaneuse, Sceaux, Créteil e outros. Os primeiros habitantes de París foron a tribo celta dos parisii, establecidos na illa do Sena, Lutecia. Os romanos ocuparon a illa (52 a C) e convertérona en cidade galorromana, mentres que a poboación se espallou ao longo do río. Cristianizada, cara a fin do s III, invadírona os bárbaros e foi fortificada. Capital do reino franco de Clodoveo I e centro relixioso, foi abandonada pola dinastía carolinxia, a pesar de volver ser capital indiscutible cos Capetos. O s XI foi unha época de expansión ininterrompida. A presenza da corte real e o perfil relixioso da monarquía fixo que alí confluísen nobres e cóengos e fose unha ruta de peregrinacións e feiras. Cara ao 1210, a rica burguesía local, baixo a dirección dos gremios máis poderosos, organizouse para regulamentar a vida económica. Urbanisticamente, foi cando a cidade configurou unha división territorial especializada (a Cité como centro político, a beira dereita do Sena como zona comercial, e a esquerda, cultural). As guerras dos ss XIV e XV non frearon o crecemento da capital, malia que motivaron a consolidación das posicións políticas da burguesía fronte aos reis. En 1436, Carlos VII reconquistou a cidade, e na segunda metade do s XV París converteuse na segunda cidade de Europa. Foi receptora dunha ininterrompida corrente migratoria, motor económico do reino e difusora da cultura renacentista en Francia. Coa chegada da Reforma producíronse cambios relixiosos ata a abxuración de Enrique IV (1593). Durante o s XVII, París converteuse na capital da primeira e máis potente das monarquías absolutas de Europa. Napoleón remodelouna como capital imperial e, na primeira metade do s XIX, apareceu un proletariado urbano de corte moderno. As sórdidas condicións de vida das masas obreiras forzaron o Segundo Imperio a reurbanizar a cidade unha vez máis. A Comuna de 1871 foi, con 20.000 mortos, a última gran convulsión vivida pola cidade. No s XX, e desde o período de entreguerras, o seu núcleo estabilizouse e creouse un cinto de poboacións satélite. Durante a Segunda Guerra Mundial foi ocupada (xuño de 1940-agosto de 1944) polos alemáns. Quedan moi poucos testemuños de arte románica, entre os que sobresae parte do campanario e da igrexa de Saint-Germain-des-Prés (ss X-XII). Son obras básicas do gótico primitivo a basílica de Saint-Denis (ss XII-XIII) e a catedral de Notre-Dame, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1991). O gótico radiante (ss XIII-XIV) recóllese na Sainte-Chapelle, consagrada en 1248. Das mostras da arquitectura gótica civil destacan algúns hôtel, como os de Sens e Cluny (s XV). A arquitectura renacentista (s XVI) está representada por igrexas como a de Saint Eustache ou Saint-Étienne-du-Mont; o palacio das Tuileries (s XVI) foi destruído pola Comuna en 1871. A arte clásica francesa (ss XVI-XVII) conformou as grandes construcións da época de Enrique IV, como a Place des Vosges e da época de Luís XIV, con boa parte do Louvre e os Invalides, coa igrexa de J. Hardouin-Mansart. O estilo Luís XV significou o triunfo do rococó en palacetes como o de Soubise ou o de Rohan, pero tamén houbo urbanizacións monumentais, como a da Place de la Concorde, e grandes edificios clásicos como o Panthéon. Coa Revolución Francesa e o Imperio Napoleónico impúxose o clasicismo monumental representado pola Madeleine e os arcos de triunfo do Carrousel (1806-1808) e de l’Étoile (1806, acabado por Luís Filipe en 1836). A fisionomía actual de París débese á remodelación urbanística do barón Haussmann na época de Napoleón III, que trazou as grandes avenidas, sumidoiros e parques. As Halles, gran mercado, marcaban a norma da nova arquitectura en ferro que se culminou coa torre Eiffel (1887-1889). Das construcións do s XX cómpre salientar o pavillón suízo da Cité Universitaire (1933) -de Le Corbusier-, o Palais de Chaillot (1937) -sede de museos-, o palacio da UNESCO (1955-1958), o centro Maine-Montparnasse (1961-1973), o Centre National d’Art et de Culture Georges Pompidou (1977), Les Halles (1979), o novo barrio de La Villette e o sector de La Défense. A Revolución Francesa converteu París en cidade sobranceira da civilización occidental e así, ao longo do s XIX, París arrebatoulle a Roma a condición de máximo polo artístico mundial; desde a segunda metade de século, a cidade foi a meca dunha bohemia idealizada e o principal centro de atracción de artistas de todas as partes que pasaban alí temporadas para estudar na École de Beaux-Arts (fundada en 1816), na École des Arts-Decoratifs ou en numerosas academias libres como a de Colarossi, Julian, Suisse, Carrière e a da Grande Chaumière. Os artistas converteron os barrios de Montmartre e Montparnasse en grandes emporios artísticos. Destacaron o Musée du Louvre, o Musée des Arts Décoratifs, o Musée d’Art Moderne, o Musée Carnavalet, o Musée National du Moyen Age, o Musée Cluny ou o Musée d’Orsay, e diversos monográficos de artistas como o de Rodin. O centralismo ríxido fixo de París o único centro musical importante do estado francés. Conta coa Académie National de Musique e dispón de diversas salas de concertos e de variedades. Foi sede dos Xogos Olímpicos en 1900 e 1924.