Parma
Capital da provincia homónima, en Emilia-Romaña, Italia, situada no centro da chaira emiliana, entre os últimos Apeninos e o Po, a ambas as beiras do torrente homónimo (156.172 h [2001]). Centro comercial, cultural e de ensino superior, en 1064 fundouse a Università degli Studi. De probable orixe etrusca, pasou ao dominio sucesivo de romanos (183 a C), bizantinos (s VI), lombardos (569) e francos (ss VIII-IX). Dependente do bispo parmesano, no s XIII pasou a ser gobernada pola comuna e en 1346 a Milán. Dominada por Francia (1500-1512 e 1515-1521), en 1545 a Santa Sé fixo dela e de Piacenza o Ducado de Parma, e cedeullo aos Farnese. Extinguida a dinastía (1731), pertenceu a unha rama borbónica ata 1801 e posteriormente a María Luísa de Austria. En 1860 a través dun plebiscito foi incorporada a Piemonte. Da cidade romana queda o Canale Maggiore. Entre os edificios posteriores destaca a catedral, de estilo románico lombardo (s XI), con campanario do s XIII; o Battistero, comenzado en estilo románico (1196) por Benedetto Antelami e rematado en gótico (1260); e as igrexas de San Francesco del Prato (ss XIII-XV) e San Giovanni Evangelista (ss XV-XVI).