Parque Natural Fragas do Eume
Espazo natural protexido, cunha superficie de 9.393 ha, que se localiza nos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume. Constitúe unha das fragas costeiras mellor conservadas de Europa, onde se poden atopar, preto das augas do río Eume, bosques de salgueiros e amieiros, que están rodeados de carballos, bidueiros, acivros, abeleiras, teixos, castiñeiros e loureiros. Tamén se poden observar sobreiras na súa vertente S. Unha importante riqueza florística da zona constitúea a flora de criptógamas e pteridófitos. En canto á flora de briófitas, están representadas 221 especies do total de 471 especies coas que conta a bioflora galega e a flora de liques conta con tres especies novas para Europa continental e 24 para a flora española. Destacan na flora a Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Trichomanes speciosus, Narcissus cyclamineus e Narcissus asturiensis. Na fauna existen especies de invertebrados endémicos de Galicia e de Europa, como a Elona quimperiana, Geomalacus maculosus, Margaritifera margaritifera (madreperla de río), Coenagrion mercuriale, Euphydryas aurinea e Lucanus cervus, e outros de importancia, como Belgradiella rolani. Entre os anfibios e réptiles están a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), a ra patilonga (Rana iberica), a víbora de Seoane (Vipera seoanei) e a Lacerta monticola. No río Eume pódense atópar peixes como a boga de río (Chondrostoma polylepis) . Os mamíferos máis salientables son o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), o morcego ratoeiro grande (Myotis myotis), a londra común (Lutra lutra), a auganeira (Galemys pyrenaicus), o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipossideros), o lobo (Canis lupus), o gato salvaxe (Felis sylvestris), a algaria (Genetta genetta), o leirón rilón (Glis glis), a marta común (Martes martes) e o armiño (Mustela erminea). Entre as aves depredadoras destacan o miñato abelleiro (Pernis apivorus), o bufo grande (Bubo bubo) ou a avenoiteira cinsenta (Caprimulgus europaeus). Tamén atoparemos un gran número de aves migradoras. Foi declarado parque natural o 30 de xuño de 1997.