Parque Nacional Arquipiélago de Cabrera
Espazo natural protexido, situado no arquipélago de Cabrera, que ten unha extensión de 1.836 ha. Presenta unha cuberta vexetal pouco alterada, onde predominan os arbustos leñosos que forman a garriga. As especies vexetais máis características son a sabina, o piñeiro ou os lentiscos, e existen máis de 30 especies vexetais endémicas, como as especies Rubia angustifolia ssp cespitosa, Rhamnus ludivici-salvatoris, Dracunculus muscivorum, Paeonia cambessedessi e Helleborus lividus ssp lividus. En canto á fauna, nos seus illotes e acantilados viven varias especies de aves mariñas, como a pardela cinsenta, a pardela balear (Puffinus mauretanicus), o paíño común, o corvo mariño cristado, a gaivota de Audouin (Larus audouinii), especie en perigo que conta aquí cunha das mellores colonias do Mediterráneo, e a gaivota patiamarela. É ademais unha zona de paso de aves migratorias, e na que se poden atopar rapaces como o falcón de Leonor e a aguia peixeira. Ademais das aves, o parque ten outros animais característicos, como a lagarta balear (Podarcis lilfordi) e os morcegos, que se poden considerar como os únicos mamíferos autóctonos, xa que o resto foron introducidos polo home. Os fondos mariños son moi variados e ofrecen numerosos hábitats para a flora e fauna. Gran parte están cubertos por extensas pradarías de Posidonia oceanica, planta endémica do litoral mediterráneo entre cuxas follas crían gran número de crustáceos, moluscos, equinodermos e peixes. Nas súas costas pódense observar diversas especies de golfiños e tartarugas. Foi declarado Parque Nacional Marítimo Terrestre en 1991 e zona de especial protección para as aves (ZEPA).