Parque Etnográfico do Río Arnoia

Parque Etnográfico do Río Arnoia

Parque etnográfico situado en Allariz. Xurdiu como un proxecto de recuperación e saneamento das beiras do río Arnoia. Está integrado polo Muíño do Burato (1992), museo dedicado aos muíños hidráulicos que se poden atopar ao longo do río e onde se mostra a moenda do cereal; o Museo do Tecido O Fiadeiro (1994), onde se amosan os aparatos empregados no cultivo e transformación do liño, un antigo tear en uso e un pequeno obradoiro, ademais de pezas antigas tecidas á man; o Museo do Coiro Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras (1994), sobre o proceso e ferramentas empregadas no curtido e que mostra os curtidoiros e as ferramentas propias do oficio; e o Museo Galego do Xoguete (1995), que mostra unha colección de xoguetes. Pertence ao Consello Galego de Museos.