partenoxénese

partenoxénese

(< parteno- + xénese)

s f [BIOL]

ariedade da reprodución sexual que consiste no desenvolvemento dun gameto ata chegar a formar un individuo adulto, é dicir, sen que haxa fecundación. Xeralmente o gameto é feminino. Entre os animais hai tres modalidades: a arrenotocia, cando orixina exclusivamente machos; a telitocia, se só dá femias; e a deuterotocia, se se producen individuos de calquera sexo. As dúas últimas distínguense polo feito de presentaren unha partenoxénese cíclica, onde hai alternancia máis ou menos regular de xeracións producidas por reprodución sexual normal e de xeracións partenoxenéticas. A arrenotocia adoita ser facultativa, é dicir, o óvulo desenvólvese tanto se é fecundado coma se non. Tamén hai casos de partenoxénese xeográfica, cando variedades dunha mesma especie con áreas de distribución separadas se poden reproducir unhas bisexualmente e outras partenoxeneticamente. Se por medios artificiais se estimula a segmentación do óvulo por si só, fálase de partenoxénese provocada ou artificial.