Partido Comunista Chinés

Partido Comunista Chinés
Nome científico: [PCCh]

Partido político creado en 1920 como consecuencia das loitas obreiras en Shangai e dos círculos de estudos comunistas de París. En 1921 celebrou o seu I congreso nunha escola francesa de Shangai coa asistencia dos doce fundadores, entre eles Mao Zedong, e representantes da Terceira Internacional. A partir de 1949 chegou ao poder e quedou como único partido legal. Coa Revolución Cultural algúns destacados dirixentes foron acusados de revisionismo e depurados, como Liu Shaoji en 1968, ou desapareceron en circunstancias pouco claras, como Lin Biao en 1971. Despois da morte de Mao Zedong (1976), Hua Guofeng mandou prender os catro máximos dirixentes da á esquerda do partido (Banda dos Catro) e foi nomeado presidente. En 1977 rehabilitáronse moitos membros do partido depurados durante a Revolución Cultural, entre eles Deng Xiaoping, quen axiña se converteu no home forte do réxime. En 1981 Hu Yaobang sucedeu na presidencia a Hua Guofeng, acentuouse a “desmaoización” e a crítica da Revolución, e substituíuse o concepto de ditadura do proletariado polo de ditadura democrática popular. Esta evolución estancouse en 1989 ao ser nomeado secretario xeral Jiang Zemin, representante da á esquerda do partido, contraria ás reformas internas e a abrir o país ao exterior, como amosou a represión das manifestacións estudantís na praza de Tiananmen en 1989. No XIV congreso nacional de PCCh (1992) estableceuse, como obxectivo da reforma da estrutura económica do país, a formación dun sistema da economía de mercado socialista. En 1997 o partido experimentou unha apertura cara a Occidente e ao capitalismo, defendeu que o sector privado é un compoñente importante na economía de mercado socialista e que cumpría permitir e estimular o uso do capital, da tecnoloxía e doutros factores de produción. Definiu que a súa guía de acción é o pensamento de Mao Zedong e a teoría de Deng Xiaoping. No XVI congreso (2002) Jiang Zemin conseguiu que se sancionara e se incorporara aos estatutos do partido a súa Teoría das Tres Representacións, que, presentada como o seu legado doutrinal, incidía no desenvolvemento da teoría marxista. No congreso escolleuse a Hu Jintao como secretario xeral.