Partido Comunista da Unión Soviética
Organización política que tiña como nome orixinal Kommunističeskaya Partija Soveckogo Sojuza (KPSS). Ten a súa orixe na Unión para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, fundada por Lenin en Peterburgo en 1895 e que en 1898 se transformou no Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso (POSDR). O programa e estratexia que Lenin impuxo no POSDR provocou a división entre bolxeviques e menxeviques. Despois de asumir todos os poderes debido á Revolución Rusa, o sector bolxevique do POSDR adoptou o nome de Partido Comunista de Rusia (marzo de 1918), que en 1952 cambiou polo de Partido Comunista da Unión Soviética. Un dos seus primeiros obxectivos foi a transformación da Revolución Rusa en revolución mundial, e con este fin, en marzo de 1919, constituíuse a Terceira Internacional ou Komintern. O ascenso dos réximes autoritarios obrigaron ao abandono desta política e á adopción da política do “comunismo nun só país”, sustentada por Stalin, secretario xeral do partido desde 1922. Despois da morte de Stalin, o seu personalismo foi denunciado polo seu sucesor, Nikita S. Khruščov, quen morreu en 1964 e foi substituído por Brežnev. Logo de breves mandatos de J. Andropov (1982-1984) e de K. Černenko (1984-1985), e coa chegada á secretaría xeral de M. Gorbačov (1985), o XXVII congreso do PCUS (febreiro de 1986) aprobou unha certa apertura política que melloraba as relacións cos estados capitalistas. En febreiro de 1990, unha emenda á constitución fixo que o partido deixase de ser o núcleo do sistema político do país. Mentres o estado soviético se autodisolvía, foi ilegalizado e disolto (1991).