Partido Socialista Galego

Partido Socialista Galego
Nome científico: [PSG]

Organización política fundada na Coruña o 23 de agosto de 1963 por Cesáreo Saco López, Mario Orjales Pita e Xosé Luís Rodríguez Pardo, mentres Ramón Piñeiro López só participou na reunión fundacional. O colectivo inicial de afiliados estaba integrado por membros do vello Partido Galeguista e de Mocedades Galeguistas (FMG) como Francisco F. del Riego (o primeiro secretario xeral da organización) e L. Viñas Cortegoso, e unha nova xeración de mozos universitarios como Xosé Manuel H. Beiras Torrado, Ramón Lugrís Pérez e Fernando Pérez Barreiro. O seu ideario baseábase no marxismo, no federalismo, no socialismo e na democracia. Mantiveron un talante democrático e prestaron moita atención aos movementos homólogos que xurdían noutras nacionalidades. Estruturábase como un partido de cadros. A súa rede organizativa participou e dirixiu as campañas de axitación e propaganda contra a central de Castrelo de Miño, ao tempo que mantivo unha importante colaboración coa Unión do Pobo Galego (UPG). Despois dun período de letargo a finais da década de 1960, nos anos seguintes e con X. M. Beiras como secretario xeral no período 1971-1977 reestruturouse internamente (1973) e entrou nun proceso de redefinición ideolóxica e reformulación estratéxica. Participou na formación da Conferencia Socialista Ibérica (CSI) en 1974 e na constitución da Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG) en 1975. Un importante colectivo desta formación integrouse no Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e formou o PSdeG-PSOE (1978); outra parte uniuse a Esquerda Galega (EG) para formar o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (1982) e outro sector integrouse no Bloque Nacionalista Galego (1982).