Partido Sindicalista

Partido Sindicalista

Partido político fundado o 7 de abril de 1934 por Ángel Pestaña Núñez, co obxectivo de se converter no partido político da CNT e romper coa tradicional ortodoxia anarcosindicalista. A súa influencia quedou moi limitada e centrouse nun pequeno núcleo en Madrid, Andalucía, Zaragoza, Asturias e na Comunitat Valenciana. O órgano de expresión do partido foi El Sindicalista pero, coa Guerra Civil Española (1936-1939), tamén apareceron en Barcelona Hora Sindicalista e Mañana. Doutrinalmente, o partido defendía que os sindicatos deberían controlar a produción e as cooperativas a distribución, mentres os asuntos públicos deberían estar controlados polos municipios, nunha especie de estado sindicalista. En Galicia, debido ás múltiples afinidades de Pestaña coa Confederación Regional Galaica (CRG), o partido afiliou a recoñecidos sindicalistas desta organización, como Vicente Orro. Non obstante, os contactos con afiliados como Xosé Prego Vieira non prosperaron, feito que privou o partido dun líder recoñecido por amplas capas proletarias. Ao longo de 1935 e no ámbito sindical, o Partido Sindicalista defendeu as alianzas obreiras e unha concepción moderada e pragmática da acción reivindicativa, e mesmo chegou a provocar unha escisión na federación local da CNT compostelá. Máis tarde, defendeu a Frente Popular sen acadar representación nas listas en Galicia e participou activamente no plebiscito do Estatuto de Autonomía. A partir do 18 de xullo de 1936 moitos militantes foron perseguidos ou asasinados e o partido desapareceu no territorio galego. Aínda así, algúns dos antigos afiliados, como Manuel Fernández Fernández, xogaron un importante papel na reconstrución e nas actividades clandestinas da CRG.