2 parto -ta

2 parto -ta
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos partos, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo parto.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Antigo pobo escita procedente de zonas de máis alá da Bactriana, que lle conquistaron ao soberano seléucida Antíoco II, ao inicio do s II a C, o NL de Irán e o S do Mar Caspio. Foi un pobo de gran valor militar moi temido polos romanos e os seus soldados eran destros na arte de cabalgar con armadura e tirar con arco. Destacaron as cidades de Hatra e Ctesifonte, xunto a Seleucia, da que respectaron a súa arquitectura, poboación e tradicións.

  4. s m [LING]

    Lingua irania que pertence ao grupo occidental do estadio do iranio medio. Testemúñase na lingua dalgúns documentos económicos, en inscricións e cartas, así como en numerosos préstamos iranís e armenios. Os materiais epigráficos partos non son ricos e a fonte principal para o seu estudo son os textos en escritura maniquea. O parto, inicialmente limitado á antiga Partia, foi a lingua administrativa na época arsácida (ss III a C- III d C) de todo o Imperio parto. Nos inicios da época sasánida (224-303), testemúñase en inscricións (redactadas en dobre versión, parto e persa medio). A escritura destes textos, derivada da aramea, está cerca do persa medio. Os monumentos máis extensos da lingua parta son os escritos maniqueos dos ss III-VII, que se conservan en fragmentos de manuscritos (en escritura maniquea) dos ss VIII e IX, descubertos en Turfan, no Turkestán chinés. Na época da conquista árabe foi completamente substituído polo persa medio.

Palabras veciñas

Partito Socialista Italiano | partitura | 1 parto | 2 parto -ta | partón | Partovia | parturición