Pasatempo, O
Parque situado en Betanzos. Construíuno Xoán M. García Naveira e foi concibido como un parque enciclopédico en que plasmaron as súas vivencias en América e as súas viaxes. Iniciouse a construción entre 1893 e 1895 e cara a 1914 estaba practicamente configurado. Na década de 1930 comezou o seu deterioro e durante a Guerra Civil foi campo de concentración. En 1986 o concello de Betanzos restaurouno e recuperou parte dos seus elementos. Distínguense dúas zonas: os xardíns, que ocupaban toda a zona baixa do conxunto, e o núcleo plástico, situado en diferentes niveis. Da parte baixa só queda a Fonte das Catro Estacións e as estatuas da Caridade e dos irmáns García Naveira, trasladada á praza homónima en Betanzos; moitos dos elementos perdidos recuperáronse coa creación do novo parque. A parte alta seméllase máis á orixinal e organízase en cinco niveis. Destacan a Gruta e o estanque da Gruta, o estanque do Retiro, os escudos das repúblicas hispanoamericanas e recordos da viaxe dos García Naveira a Exipto.