paternidade

paternidade

(

    1. s f [DER]

      Relación xurídica existente entre o pai e os seus fillos, derivada da relación biolóxica que supón a xeración. Pódense distinguir dous tipos de paternidade: matrimonial e non matrimonial. A primeira pódese definir como a relación existente entre un home casado e os fillos nacidos do seu matrimonio, e aquí establécese unha presunción que atribúe automaticamente a paternidade ao marido da muller que tivo o fillo. A paternidade non matrimonial é a que existe entre un home e os seus fillos non nacidos no matrimonio. O Código Civil español, modificado pola Lei 11/1981 de 13 de maio, atribúe a ambos os dous os mesmos efectos. A dificultade de proba é superior na paternidade non matrimonial, e os sistemas que se seguen para probala son: declaración de vontade, segundo a que é a vontade individual do pai a que dá lugar á aparición da relación xurídica; xudicial, en que a paternidade xurídica se establece logo dun xuízo previo; e sistemas mixtos que combinan presuncións de cohabitación cunha certa marxe para a vontade individual e para a declaración xudicial.

    2. investigación da paternidade

      Facultade de que gozan os fillos de poder investigar libremente a súa paternidade, mediante acción de declaración xudicial, e que corresponde ao fillo durante a súa vida. Esta acción tamén pode exercitala calquera descendente do fillo se este morreu despois de iniciar xudicialmente a acción ou se, sendo menor de idade, non a tivese promovido.

  1. s f

    Autoría de algo.

  2. s f [RELIX]

    Tratamento reverencial dado a algunhas xerarquías da orde eclesiástica, como os abades e os superiores de ordes relixiosas, inquisidores e, tamén, algunhas veces, a bispos e cardeais.

  3. paternidade responsable [SOCIOL]

    Expresión, empregada sobre todo pola Igrexa Católica, para indicar a paternidade daqueles pais que só se deciden a enxendrar un fillo logo de ponderar debidamente todo aquilo que necesitan ou necesitasen no futuro para cumprir debidamente cos seus deberes paternais. Nesta decisión interveñen elementos de carácter moral, físico, social ou económico.

Palabras veciñas

paternal | paternalismo | paternalista | paternidade | Paterno | paterno -na | Paterno, san