Patiño Mancebo, Reimundo

Patiño Mancebo, Reimundo

Pintor. Durante a súa infancia, en Monforte de Lemos, padeceu unha enfermidade ósea que o mantivo convalecente, feito que motivou o seu interese polo debuxo, desde sempre cargado de imaxes fantásticas e dinamismo. De regreso á Coruña coñeceu o escritor Xohán Casal, con quen fundou a Liga Nórdica e a Unión de Artistas Ceibes. Dez anos máis tarde da morte daquel (1960), recompilou e editou os seus contos en O camiño de abaixo. A súa evolución pictórica partiu do expresionismo, pero a súa principal teima consistiu en superar o informalismo. En 1958 trasladouse a Madrid, onde comprobou que a pintura desfeita que el practicaba (Entrelazo, 1958), era o que se estaba levando a termo como vangarda. Desde 1960 combinou o labor pictórico co teórico, ao colaborar nas revistas Grial e Vieiros, en que publicou o seu manifesto artístico “O arte disgregado”, e no xornal compostelán La Noche. Membro do grupo cultural Brais Pinto, tamén formou parte do grupo vangardista e contestatario A Gadaña e cofundou (1964) e militou na Unión do Pobo Galego ata 1971. Traballou pola renovación expresiva do gravado e a litografía, e entre 1968 e 1970 dedicouse fundamentalmente á estampa. Ademais, converteuse en pioneiro do cómic en Galicia con O home que falaba vegliota (1972) e co cómic de vangarda 2Viaxes (1975), realizado en colaboración con Xaquín Marín. Nas súas pinturas rompeu coa composición e deu liberdade ao caos polimorfista e politexturalista (O home que levaba o sol no corazón, 1971) cheo de cores e trazos, sen deixar espazos ao baleiro (Fusquenlla, 1963) e buscando en cada trazo unha vinculación con trazos célticos, nórdicos, bretóns e cos propios gravados rupestres galegos. A obra dos seus últimos anos, coa que se incorporou ás exposicións de Atlántica, reflectiu o sincretismo e a madurez dos seus rexistros creativos, con algúns trazos surrealistas (A caída de Ícaro, 1973) e principalmente abstractos. As formas concéntricas estruturáronse nun espazo sempre nervioso e acumulativo, conseguindo un remuíño de formas (A espiral amarela, 1980) que parecían reflectir a súa visión persoal do mundo (O rostro da paisaxe, 1983), cargada da axitación e da convulsión propias dos tempos de crise (O home mancado, 1972). Destacan as súas series Homes, paxaros, máquinas e cidades e Vainamoinen. Ilustrou, entre outras obras, A noite (1959) de X. Fernández Barreiro, Arrabaldo do norte (1964) de X. L. Méndez Ferrín, Ayer está a volver (1973) de A. Gallego Vila e Galicia no corazón (1977) de Ben-Cho-Shey. En 1959 escribiu o seu único libro de poemas, Bandeiras neboentas (1992), que analiza o tema da morte, a angustia existencial, o amor e a saudade, recollidos en estruturas de versos libres e composicións en prosa, cunha sintaxe entrecortada.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso