Pavia
Capital da provincia homónima, en Lombardia, Italia, situada na chaira do Po, na beira esquerda do río Ticino, preto da súa confluencia co Po (71.074 h [2001]). Ten industrias siderúrxicas, de maquinaria, químicas e téxtiles. Dominada polos galos, pasou a Roma. Destruída por Odoacro (476), foi refeita polos lombardos, que trasladaron alí a súa capital. Carlomagno apoderouse dela en 774. Comuna desde o s XII, en 1359 pasou ao ducado de Milán. Despois da Batalla de Pavia, o territorio foi dominado por Castela (1525-1706) e, posteriormente, por Austria (1706-1796), Francia (1796-1814) e de novo por Austria (1814-1859) ata que en 1859 pasou ao Reino de Sardeña, co que se incorporou ao Reino de Italia (1861). Destacan as igrexas de San Michele e San Pietro, románicas, e a de Santa María del Carmine, gótica, ademais da cartuxa, fundada en 1396 por Gian Galeazzo Visconti como mausoleo da súa familia.