Pazó González, Cándido

Pazó González, Cándido

Actor, guionista, narrador oral e director teatral. Comezou a súa actividade como actor en 1975, destacando na Mostra de Teatro Galego de Ribadavia. Membro fundador da compañía A Farándula (1975), traballou con compañías viguesas ata 1983, cando comezou a actuar con outras agrupacións galegas e co Centro Dramático Galego. Debutou como director con Tranvía Teatro en 1989 coa peza O merlo branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil 1991). Desde entón escribiu, dirixiu ou fixo adaptacións para varias compañías, especialmente para Ollomoltranvía. Desde finais da década de 1990 participou como guionista en series de ficción para a TVG, como O campo de atrás ou Mareas Vivas (1998). Das súas pezas, algunhas delas dirixidas por el, destacan Raíñas de pedra, A Mostra. Travesura 92 (1991), Commedia, un xoguete para Goldoni (1993), que recibiu varios premios dentro e fóra de Galicia; O Rei Nu (1995), Nano (1997, Premio María Casares á mellor dirección 1998), O bululú do linier (1999, Premio María Casares ao mellor texto orixinal 2000) e Ñikiñaque (2000, Premio Max ao mellor texto orixinal en galego 2001). Tamén realizou versións e traducións de textos como A pousadeira (1987), Rei Lear (Premio Compostela 1991), Xogos á hora da sesta (1992), Galileo Galilei (1993), Marsal Marsal (1999) e Círculo (1999).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : San Paio, Vigo