Pecten
Xénero de moluscos bivalvos, da familia dos pectínidos, que presentan as valvas de gran tamaño, con orellas moi marcadas e unhas ondulacións que parten do seu vértice, dándolle un aspecto similar ao do abano. A valva esquerda é plana e de cor parda, e a dereita pode ser de cor branca ou parda. Poden desprazarse con axilidade abrindo e pechando as valvas e expulsando un chorro de auga que os impulsa. Viven nos fondos areosos de case todos os mares, tanto en zonas profundas como superficiais. Permanecen pechados hermeticamente para protexerse dos depredadores ou para desprazarse. En Galicia é moi común a vieira, P. maximus, de grande importancia comercial, o que provocou a súa desaparición nalgunhas zonas por mor da sobrepesca. No Mediterráneo pode localizarse outra especie, P. jacobeus, de menor tamaño ca a vieira.