Pedr’ Amigo de Sevilla
Xograr de probable orixe galega. O toponimo do apelido pode facer referencia ao seu lugar de orixe ou máis ben ao sitio onde desenvolveu a súa actividade, entre 1257 e 1275, xa que existen documentos (1265) dunha doazón que recibiu do Rei Afonso X da repartición de Jerez de la Frontera arredor de 1268, datas que coinciden coa súa produción poética. Segundo outras fontes, pode corresponder cun clérigo da zona de Betanzos, en referencia á documentación de 1260, 1261 e 1275, que despois foi cóengo da catedral de Oviedo, segundo datos dos anos 1288 e 1289, e que fixo testamento como cóengo en Salamanca, en 1302. Polas referencias dos seus textos, sábese que estivo na corte do Rei Afonso X e que mantivo contacto cos trobadores Johan Baveca, Johan Vasquiz de Talaveira e Vasco Perez Pardal, tal e como reflicten as súas tenzóns, e sábese tamén que participou no ciclo de escarnios dedicados a Maria Balteira. Da súa abondosa obra consérvanse un total de 36 composicións, divididas en catro cantigas de amor, onde amosa as súas habilidades técnicas no emprego do dobre e do mordobre, combinados con encadeamentos; unha pastorela, “Quand’eu hun dia fuy en Compostela”, de fácil localización espacial e moi próxima aos modelos occitanos polo vocabulario, o seu ton cortés e a complexidade dos seus diálogos; e dez cantigas de amigo, en que amosa o seu dominio da tradición poética e a variedade do seu estilo, con composicións paralelísticas, máis tradicionais, fronte a outras máis cultistas, como en “Amiga, voss’amigo vi falar”, “Par Deus, amiga, podedes saber” e “Hun cantar novo d’amigo”, onde aparecen os trazos característicos do xénero como a extereorización dos sentimentos a unha confidente, as prohibicións da nai, a coita, etc. Polo que respecta ás súas 18 composicións satíricas, que tamén destacan pola habelencia técnica do poeta, aparecen xogos de repetición como en “Elvyr’, a capa velha dest’aqui”, “Joham Baveca e Pero d’Anbrõa”, “Per[o] Ordón[h]ez, torp’e desenbrado” e “Maria Balteyra que se queria”; xunto a parodias do amor cortés en “Meus amigos, tan desaventurado” e “Non sey no mundo outro omen tan coytado”, e burlas a Pero Garcia d’Ambroa en “Marinha Mejouchi, Pero d’A[n]brõa” e “Quen mh’ora quysesse cruzar”, con referencias ás cruzadas de ultramar.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Betanzos