Pedro IV de Aragón o Cerimonioso

Pedro IV de Aragón o Cerimonioso

Rei de Aragón (1336-1387), fillo e sucesor de Afonso IV de Aragón. Durante o seu reinado, a Coroa de Aragón acadou a súa máxima expansión territorial. Concluíu a guerra con Xénova en 1336. En 1388 auxiliou a Castela fronte aos benimeríns ata que o sultán marroquí se retirou. Incorporou definitivamente o Reino de Mallorca á coroa aragonesa despois de vencer a Xaime III de Mallorca (1349). Participou na guerra de Venecia contra Xénova (1351) ata que asinou a paz en 1386. Proclamouse rei de Sicilia en 1377 despois da morte do seu xenro Federico III e en 1379 obtivo os ducados de Atenas e Neopatria. Por cuestións sucesorias -non se aceptaba a súa filla Xoana como herdeira-, enfrontouse ás nobrezas de Aragón e València, ás que venceu en Épila e Mislata, respectivamente (1348). O problema sucesorio solucionouse co casamento con Leonor de Sicilia, coa que tivo os futuros Xoán I e Martiño I. O seu apoio a Enrique de Trastámara, que lle prometera a cesión do Reino de Murcia, valeulle o enfrontamento con Pedro I de Castela, na Guerra dos Dous Pedros (1356-1369). Tras o Cisma de Occidente (1378) adoptou unha posición de neutralidade e durante o seu reinado naceu unha institución pública destinada a exercer unha grande influencia no goberno do país, a deputación do xeneral ou xeneralidade, que en Catalunya converteu en permanente (Generalitat). Foi un protector das artes e das letras e el mesmo dirixiu a redacción da crónica do seu reinado, Crónica de Pedro o Cerimonioso.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Balaguer

  • Deceso

    Lugar : Barcelona