Pedro de Portugal
Nobre, conde de Barcelos (1314), fillo bastardo de Denís I de Portugal. Trobador e cronista da corte portuguesa a finais do s XIII e na primeira metade do s XIV, foi un dos intelectuais máis relevantes daquela época. Exiliado en Castela, entrou en contacto co movemento cultural iniciado por Afonso X o Sabio, dedicado nesta época á recompilación de fontes e á redacción, transcrición e tradución de textos literarios. Xa de regreso a Portugal, promoveu a recollida de material para elaborar o Livro das Cantigas, considerado o máis importante da tradición manuscrita da lírica galego-portuguesa, que legou a Afonso XI de Castela e León. Tamén foi o artífice da redacción da Crónica Geral de Espanha de 1344 e da organización do Livro de Linhagens, elaborado entre 1340 e 1344, onde aparecen as familias dos reis de Portugal e as principais familias de Castela, Portugal e Galicia, polo que se considera unha fonte histórica de vital importancia e onde se inclúen numerosas notas sobre trobadores. Da súa obra literaria consérvanse ademais dez composicións, catro cantigas de amor, “Non me poss’eu de morte defender”, “Nom quer’ a Deus por mha morte rogar”, “Que muyto bem me fez Nostro Senhor” e “Tal sazom foy em que eu ja perdi”, en que trata os temas do mal de amor e a morte por amor; e seis de escarnio, “Alvar Ro[drigu]iz, monteyro mayor”, “Mandei pedir noutro dia”, “Marim Vasquez, noutro dia”, “Natura das animalhas”, “Os privados que d’el-rey ham” e “Um cavaleyro avya”, onde amosa o seu interese pola cuestión moral. O emprego do verso heptasílabo en catro cantigas é un claro sinal do declive da tradición lírica galego-portuguesa.
Cronología
-
Nacemento